jueves. 21.11.2024

O ano pasado, os veciños e veciñas de Xinzo de Limia tiveran que quedarse coas gañas de celebrar a troula do Magosto debido á crise pandémica, pero este 2021 non será así. Durante a tarde e noite do venres día 12 deste mes, a vila recuperará a súa festa de outono, aínda que cun carácter un pouco diferente ao de outras edicións.

A festividade xirará arredor dunha temática moito máis tradicional para adaptarse ás medidas hixiénicas recomendadas. Contará con diversas actividades que se celebrarán ao aire libre -principalmente na praza Xoán XXIII, e que estarán destinadas á veciñanza de todas as idades.

Ás 16:30 horas da tarde dará comezo a programación do evento cunha serie de xogos populares organizados polo Centro de Desenvolvemento Rural O Viso. Posteriormente, ás 19:00 horas, haberá unha degustación gratuita do produto estrela da celebración: a castaña.

Coma novidade, nesta edición ofrecerase un concerto dos artistas da comarca, Xisco Feijoó e Artur Puga. Os músicos amenizarán a velada a partires das 21:30 horas cunha sesión de música tradicional que leva por nome "Tanxendo en galego". Finalmente, ás 22:30 da noite, dará comezo unha foliada aberta ata o remate da celebración.

NOTICIAS A LIMIA | Xinzo aposta por un Magosto demasiado tradicional con xogos, música...