Un ano máis, a Deputación de Ourense organiza as Xornadas de Folclore para achegar ás distintas localidades da provincia as músicas e bailes tradicionais do mundo. Na presente edición participarán seis agrupacións folclóricas procedentes de Sudáfrica, Arxentina, Bolivia, Ecuador, Tahití e Ucraína, que actuarán en quince vilas da provincia, ademais da capital, do 7 ó 16 de agosto.
Como vén sendo habitual, Xinzo será unha das vilas nas que farán parada as XXXVIII Xornadas de Folclore. Nesta ocasión coa actuación de agrupacións procedentes de Bolivia, Tahití e Ucraína, que amosarán as súas tradicións musicais. Será o vindeiro 13 de agosto na Praza Carlos Casares a partir das 20:30h.
Organizadas a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, as xornadas buscan a dinamización cultural das vilas proporcionando un espazo de intercambio cultural que acada, en cada edición, unha importante participación cidadá.
Localizacións próximas para facilitar a presenza de público
O programa das XXXVIII Xornadas de Folclore inclúe a visita ás vilas de Allariz, A Rúa, Bande, O Barco, Carballiño, Castro Caldelas, Celanova, Entrimo, Maceda, Manzaneda, Ribadavia, Trives, Verín, Viana e Xinzo de Limia. Nesta edición, a distribución de localizacións pola provincia deseñouse pensando en facilitar o acceso ao maior número de xente posible, de tal xeito que os espectadores podan ver ata dous espectáculos en datas diferentes pola proximidade das vilas.
En Ourense, como xa é tradicional, celebrarase a cerimonia inaugural o día 7 de agosto no Teatro Principal. Ribadavia acollerá o peche das xornadas o mércores 16 de agosto no Auditorio do Castelo. En ambas localidades actuarán as seis agrupacións convidades nesta edición.