sábado. 23.11.2024

O VII Premio Literario Infantil e Xuvenil de Narración Curta Carlos Casares xa ten aberto o prazo de presentación de traballos para aqueles nenos e mozos que queiran participar. Este certame, que se convoca con motivo do Día das Letras Galegas, está impulsado pola Concellería de Cultura e Mocidade de Xinzo e colaboran nel a Fundación Carlos Casares e os centros tanto da vila coma do resto da comarca da Limia.

O concurso contará con catro categorías divididas por Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato en diante. Os participantes da primeira só terán que presentar un debuxo. Os da segunda e terceira cumprirán con diferentes requisitos dependendo do curso. Os estudantes de 1º e 2º de Primaria deberán facer unha páxina de texto breve e un debuxo, os de 3º e 4º, unha páxina de texto; e os de 5º e 6º, redactarán dúas. No caso dos estudantes da ESO, os de 1º e 2º farán traballos de dúas páxinas; e os de 3º e 4º, de tres. Na última categoría, o requisito é presentar unha redacción de cinco follas.

O prazo de presentación de traballos remata o 5 de maio ás 14:00 horas. Ata entón, os participantes poden enviar as súas propostas en formato físico na Casa da Cultura e nos centros educativos de Xinzo, ou en dixital a través do enderezo [email protected].

O xurado decidirá cales son os traballos gañadores o 17 de maio, Día das Letras Galegas

O fallo do xurado, composto por membros da Fundación Carlos Casares, escritores limiaos, profesores de Galego de Xinzo e técnicos de Cultura e Educación do Concello; será o 17 de maio. En cada categoría, os premios, que son vales para mercar de material escolar, entregaranse ás obras que queden en 1º e 2º lugar. Na Infantil serán de 100 e 50 euros; na de Primaria, 150 e 75 en cada unhas das súas subcategorías; na Secundaria daránse 200 e 125; e en Bacharelato+, 300 e 150 euros.

As bases completas do certame pódense consultar aquí, onde se atopa toda a información e condicións para poder participar.

NOTICIAS XINZO | Aberto o prazo para participar no certame de narrativa curta infantil...