Ana Pontón, voceira nacional do BNG, visitará este martes a sede dos nacionalistas en Xinzo para manter un encontro de traballo co equipo liderado por Camilo Vila, candidato á alcaldía nas eleccións municipais. O obxectivo que teñen con esta reunión é o de perfilar o seu proxecto de xestión do concello.
Na orde do día que manexan, abordarán os éxitos acadados polo partido noutras vilas e cidades, como Allariz e Pontevedra. Tamén falarán das tecnoloxías da comunicación no ámbito rural e a dinamización comunitaria e veciñal. Vila estará acompañado do enxeñeiro en telecomunicacións Manuel Pozo, Alba Feixóo e Marta Joga, números 2, 3 e 4 da súa lista.
A reunión servirá para que o equipo de Vila lle mostre á lider do BNG algún dos proxectos que ten deseñados para Xinzo, especialmente os relacionados co reto demográfico. Ademais, Mirian Opazo, responsable de comunicación do BNG de Xinzo e número 6 na lista, explicará a liña de traballo que están a seguir.