O alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, acompañado polo tenente de alcalde, Antonio Fernández Veiga, e a concelleira de Servizos Sociais, Ángeles Martínez, recibiu esta mañá a Begoña Abeijón, directora xeral de Persoas con Discapacidade, e a Patricia Torres, deputada provincial de Políticas Sociais, nunha visita ao Centro Ocupacional Limisi.
O obxectivo deste encontros foi coñecer de primeira man o funcionamento de ambos centros, fundamentais no apoio a colectivos vulnerables e no desenvolvemento social e rural. O centro Limisi destaca pola súa implicación e servizo, que transcenden os límites municipais para chegar a toda a comarca e, en moitos casos, tamén a nivel provincial.
A concelleira Ángeles Martínez subliñou a importancia destes centros, afirmando que "o traballo de Limisi é imprescindible, non só para as veciñas e veciños de Xinzo, senón para toda a Limia. Son referentes na atención ás persoas con diversidade funcional e no impulso de proxectos de inclusión e desenvolvemento social. Desde o Concello seguiremos colaborando e atendendo ás súas necesidades para garantir que continúen co seu labor tan valioso".
Durante a visita, os representantes públicos tiveron a oportunidade de dialogar cos equipos de traballo e recoller as súas demandas, co compromiso de reforzar as accións que melloren os recursos e servizos dispoñibles.