Hoxe acábase de publicar no Boletín Oficial Provincial de Ourense -BOP- as bases para participar na segunda edición da Feira da Pataca e da Maquinaria Agrícola do Concello de Xinzo de Limia. Evento organizado polas concellerías de Medio Rural e Facenda do Concello de Xinzo de Limia.
A feira realizarase os días 3, 4 e 5 de setembro no Pavillón de Deportes Municipal e na explanada do Toural. Poderán optar a participar nela tódolos produtores, asociacións de productores e comercializadoras da pataca, o sector de venda de produtos fitosanitarios e fertilizantes da pataca e os representantes ou promotores do sector da maquinaria agrícola.
As inscripcións deberán realizarse de modo presencial -no Rexistro Xeral do Concello de Xinzo de Limia ou en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro do procedemento administrativo común das administracións públicas- ou ben de modo telemático a través da sede electrónica do Concello de Xinzo de Limia. O prazo de presentación das mesmas será de cinco días hábiles contados a partir do día seguinte da publicación da convocatoria no BOP e na sede electrónica do concello.
Para a solicitude será necesario entregar cuberto o modelo recollido no anexo I das bases do BOP e adxuntar co mesmo unha serie de documentos: fotocopia do DNI ou do CIF, acreditación da representación coa que se actúa -de ser o caso- , seguro de responsabilidade civil e danos a terceiros ademais do recibo vixente do mesmo, certificación actualizada da situación censual expedida pola Axencia Tributaria, documento acreditativo do cumprimento das obrigas tributarias e da Seguridade Social, e o pago da taxa de 450 euros recolllida no artigo 5 da vixente Ordenanza Nº14 -a cal regula a ocupación de terreos de uso público con postos de venda, barracas, espectáculos e outros análogos- .
Debido á crise económica derivada da pandemia, ofrécese unha concesión de subvencións de 300 euros aos produtores, asociacións e comerciantes de pataca así como ao sector de venda de produtos fitosanitarios e fertilizantes da pataca por considerarse un colectivo máis vulnerable economicamente que o sector da maquinaria agrícola.
Haberá un total de 25 postos para a promoción da pataca e 15 no caso da promoción da maquinaria agrícola. Terán preferencia para optar aos mesmos os expositores con domicilio social no Concello de Xinzo de Limia, seguidos dos de domicilio social nalgún outro concello da Comarca da Limia e finalmente os restantes quedarán para os doutros domicilios. Ademais, o concello limián ofrecerá gratuitamente a cada participante un posto de 4 x 3 metros. No caso da promoción de maquinaria agrícola poderase optar a un espazo adicional.