viernes. 22.11.2024

Media ducia de persoas traballan estes días para rematar o acondicionamento interior dunha nave duns 2.000 metros cadrados no polígono empresarial de Xinzo de Limia, xusto na parcela lindeira co Servizo de ITV. A nave acolleu antes un concesionario de maquinaria agrícola, compañía á que continúa pertencendo o edificio e que o tería alugado a un empresario asiático, co que non puido contactar o Diario do Limia.


Está prevista a apertura dun gran establecemento comercial, un bazar chinés baixo o nome de ‘Maxi Asia’, segundo se pode apreciar nos dous grandes carteis colocados nas fachadas este e oeste do edificio. O chan de plaqueta está rematado, e os operarios traballan na instalación da iluminación e do sistema de refrixeración.


José Manuel Gómez, presidente da Asociación de empresarios do polígono de Xinzo de Limia, di que é “consciente da preocupación que pode xerar entre o comercio de Xinzo a instalación dunha tenda deste tipo”, e sinala que non hai impedimento legal algún para limitar a súa presenza. O prezo dos alugueiros no parque está ao redor dun euro por metro cadrado.


“A nave é alugada e están a acondicionala. Iso é o que sabemos na asociación, pero coa asociación aínda non falaron”, informa Gómez, quen lembra que neste mesmo ano o Polígono segue a medrar. “Instalouse Robimat, e nos próximos meses esperamos que abra un taller mecánico nunha nave de nova construción que xa está case rematada”. 


Maxi Asia, o novo inquilino do parque empresarial, está situado próximo ao Mercadona e nunha das rúas paralelas á proxectada ampliación do complexo. Será unha das tendas chinesas máis grandes da provincia de Ourense e unirase ao grupo de bazares chineses, cinco, algún deles especializado en roupa, que hai en Xinzo.

NOTICIAS XINZO | Un bazar chinés de máis de 2.000 metros cadrados, a punto de abrir no...