O BNG de Xinzo deslígase doutra formacións políticas sobre unha das propostas que máis se repiten, a creación dunha residencia de maiores. O proxecto liderado por Camilo Vila desmárcase das "promesas de macorresidencias que abandeiran as outras forzas políticas en Xinzo e aposta por un modelo máis rural, humano e viable".
A súa proposta é a da creación dunha rede de vivendas comunitarias públicas, ubicadas nos núcleos rurais, que teñan unha capacidade de 12 prazas. Deste xeito pódese manter o modo de vida rural cunha carga económica asumible polas persoas. Por outra banda, critican con rotundidade a "inviabilidade" do proxecto que prometen outros partidos.
Vila, educador social de profesión; e Alba Feixóo, avogada e número 3 da lista nacionalista, estudaron as propostas de PSdeG-PSOE, PP e ÁXIL, das que obtiveron unha conclusión clara. "Nin se axustan a criterios de viabilidade técnico-xurídica nin económico, nin responden ás necesidades das persoas maiores do concello", destacan. Considérano “efectista e enganoso”.