A Academia de Baile Danzón ofrecerá este sábado un gran espectáculo na súa Gala de Nadal. Sobre o escenario da Casa da Cultura bailarán un cento de cativos, que forman parte dunha ducia de grupos desta academia limiá. "Nesta gala só participarán os nenos, a diferenza das galas de fin de curso onde bailan todos", sinala Loli Rico, organizadora e propietaria da academia. Esta actividade, que comezará ás 20:00 horas, forma parte da programación de Nadal da vila.
Os rapaces amosarán os seus mellores bailes, pese a que o curso aínda comezou recentemente nesta academia, concretamente no mes de outubro. "Tiveron pouco tempo, pero algo prepararon", engade Rico. As actuacións serán máis breves e dinámicas, xa que a gala durará unha hora, pero os nenos ensinarán ao público como moven o esqueleto en variados estilos. Baile moderno, flamenco, zumba ou ballet, son algúns deles.
Ademais, os cativos recibirán unha visita especial nesta Gala de Nadal. Papá Noel adiantará uns días a súa chegada a Xinzo para darlles un pequeno agasallo polo seu esforzo, antes de que comecen as vacacións.
Este sábado, a programación de Nadal de Xinzo tamén contará coa actuación de Fanfarría Achicoria para amenizar coa súa música as rúas da vila.