O comercio local de Xinzo conta, desde o pasado venres, con dúas horas máis para botar o peche das tendas durante este Nadal. O Concello, a través dun Decreto da Alcaldía, aprobou esta medida para que os negocios poidan abrir máis tempo nestas datas festivas, xa que o permiso rematará o 8 de xaneiro, despois de Reis.
Esta medida non afecta só os comercios, xa que os espectáculos na rúa e as actividades recreativas que terán lugar neste Nadal, poderán rematar ata dúas horas máis tarde do que anteriormente se permitía. Esta decisión busca dinamizar as compras nestas datas, especialmente para mercar agasallos nas tendas locais da vila.
Ademais desta medida, a asociación de comerciantes Prolimia organiza diversas actividades para fomentar as compras en Xinzo. Hoxe pola tarde, ás 17:00 horas, contarán cunha chocolatada na Praza Maior para animar á veciñanza a saír, desfrutar dun bo chocolate e tamén mercar.
Esta é só unhas das actividades de Prolimia previstas para esta semana. Na Praza Maior abriu esta mañá a casiña de Pai Noel para entregar os boletos que permitirán subir ao globo aerostático, que se instalará no Toural dende mañá ata o xoves. Para poder montar nel, só se precisarán tíckets de compra en establecementos locais adheridos á camapaña para intercambialos por un pase. O horario de canxeo é de 9:30 a 13:30 horas e de 16:00 a 20:00 horas.
A programación de Nadal na vila continúa hoxe con co espectáculo circense da artista Elfa Cuca, ás 18:00 horas na Praza Maior, para dar paso ás 20:00 horas co concerto de Marta Bravo e Sergio Tannus.