O Concello de Xinzo de Limia contará cun novo Punto de Actualización de Documentación (PAD) nas súas instalacións, facilitando así á veciñanza a actualización de chaves do DNI e certificados dixitais de forma máis cómoda e accesible.
Este proxecto foi presentado nunha recente reunión en Xinzo de Limia, na que participaron o comisario da Policía Nacional de Ourense, Castor Vázquez; o alcalde de Xinzo, Amador Díaz; o concelleiro Moncho Gómez, e membros da Policía Local de Xinzo. Durante a reunión, destacouse a importancia deste servizo para a comunidade, xa que permitirá axilizar e simplificar trámites fundamentais para a cidadanía.
A instalación do PAD será posible grazas a un convenio entre o Ministerio do Interior, a través da Policía Nacional, e o Concello de Xinzo de Limia. Para formalizar este acordo, será necesario que teña luz verde da Corporación municipal.