“Foi un verán que pasará a historia polo número de persoas que se achegaron á vila de Xinzo de Limia”, asegura este martes nun comunicado de prensa o goberno municipal de Xinzo no que fai balance do impacto do turismo durante o verán.
O Concello de Xinzo informa de que a Festa do Esquecemento trouxo “preto” de 20.000 visitantes durante os días 19, 20 e 21 de agosto. Despois, en canto a número de visitas, situáronse Alimagro (Feira da Pataca), cuns 17.000; e a Feira do Comercio, “con preto” de 6.000.
Non son cifras do propio Concello de Xinzo; son datos dos organizadores, matiza o Concello de Xinzo, que opina que eses números “redondearon un verán que encheu a vila e os pobos de xente como xa non se recordaba”.
“Ás propostas para dinamizar a economía local con diferentes feiras que atraeron a numerosos visitantes, súmase a decisión do goberno local de restrinxir o acceso de vehículos ao casco vello durante a fin de semana, o que ampliou o ambiente de verán de 'terraceo' nas principais rúas de viños da zona vella, así como na Praza Maior”, continúa a nota de prensa.
Os supermercados aumentaron un 20% as vendas e nos caixeiros de banca realizáronse un 50% máis de operacións que no verán do 2019, informa o Concello de Xinzo.
O goberno local, que mantivo pechadas varias rúas do casco vello durante as fins de semana de xullo e agosto (noutra decisión que se comunicou con atraso aos afectados), asegura que a medida foi “aplaudida pola hostalaría” e que “o sector hostaleiro, a igual que o hoteleiro, viviu un mes de agosto mellor incluso que os de antes da pandemia”.
O goberno de Elvira Lama engade datos que os supermercados “trasladaron ao Concello”, segundo os cales estes establecementos tiveron “un incremento medio das súas ventas de máis dun 20 % con relación ao 2019”. E tamén ofrece datos da retirada de cartos dos caixeiros das entidades bancarias: “que superaron nun 50 % as do ano 2019”.