jueves. 21.11.2024

O Museo Galego do Entroido contará a partir deste sábado con dous novos traxes para expoñer. Os follateiros de Lobios e os farrumecos de Sobradelo (Xunqueira de Ambía) terán un oco dentro deste espazo cultural que amplía a súa extensa colección, na que están presentes unha boa parte dos entroidos galegos e tamén algúns de Portugal.

A presentación destes novos traxes terá lugar ás 19:00 horas deste sábado e haberá un faladoiro no que Marta Delgado, de Lobios, e Rochi Nóvoa, de Xunqueira, abordarán a importancia da tradición oral na recuperación dos entroidos e explicarán a historia detrás das figuras das súas localidades. Este incorporación é para ambas unha "satisfacción" e están "ilusionados e encantados" pola súa presenza no Museo Galego do Entroido.

 

Follateiros de Lobios

No 2018, Lobios recuperou o seu traxe tradicional do entroido, o dos follateiros. "A miña avoa falábame de que lles daban uns farrapos moi feos e cosiánlle follatiños para adornalos e tamén os decoraban con colares feitos cos carozos. Non había diñeiro para mercar nada e o millo era o que tiñan", conta Marta Delgado sobre a historia dos follateiros, que segue a ter ós follatos como principal elemento decorativo. Ademais, naqueles tempos, con sacos de esparto elaboraban carapuchos e agora, as persoas que recuperaron esta tradición, engadiron máscaras elaboradas cos grans de millo das cinco variedades que se sementaban en Lobios.

A recuperación do traxe dos follateiros serviu para que en Lobios sigan sementando e así empregar os grans nas súas máscaras. "É unha forma de non perder as nosas variedades do millo", destaca Delgado. Neste momento, xa se preparan para o entroido de 2024, sementando para que esté todo listo. "A xente está comprometida", apunta Delgado. A veciñanza de Lobios traballa durante case todo o ano coa sementeira do millo e os seus coiados, co obxectivo de recollelo en setembro e así poder preparar os traxes.

Farrumecos de Sobradelo

Tamén no 2018, Sobradelo trouxo de novo ás rúas aos farrumecos, tras moito tempo de pescudas para coñecer a súa historia. "Vestían faldas, vestidos, mandís, capas e cubrían a cara de branco cun pano. Nós o que recuperámolo facendo unha máscara nova e artesanal, cuxo molde creou Xosé Manuel Seixas, cun pano tradicional e fíxose unha capa rechamante", explica Rochi Nóvoa, unha das impulsoras desta recuperación.

Os farrumecos saían á rúa para facer trasnadas e iso é o no que andan de novo. Para logralo, axúdanse do silencio. "Unha cousa que os caracteriza é iso, porque van caladiños e sen facer ruído para cometer travesuras", destaca Nóvoa. Cando comezaron a recuperar esta tradición, eran unha decena de farrumecos do propio Sobradelo e este ano xa chegan case á vintena. "A veciñanza está co compromiso de vestirse", engade Nóvoa.

Ademais, para recuperar tradicións, contan co apoio do colexio de Xunqueira de Ambía. Cada ano, os rapaces que rematan 6º de Primaria vanse do centro cun traxe de farrumeco para espertar neles esta paixón polo entroido.

Cartel actividade no Museo do Entroido.
Cartel actividade no Museo do Entroido.

 

NOTICIAS XINZO | Os follateiros e os farrumecos únense ao Museo do Entroido