Este sábado, a Feira das Mozas volverá celebrarse en Xinzo para acadar a súa segunda edición, organizada pola Asociación A Pantalla. Este evento traerá de volta os anos 50 ás rúas da vila con múltiples actividades que buscan xerar un espazo de intercambio cultural e social, recreando as históricas feiras do 14 de maio.
Este ano, como novidade, organizarase de forma paralela o 1º Mercado de Artesanía da Feira das Mozas, que estará instalado ao longo do día na Praza dos Ovos -Xoán XXIII-. E non será a única actividade da xornada. A música non parará de soar grazas aos pasarrúas que estarán a cargo das bandas Lirolaio, Tarde Piache, Cidade de Antioquía, Os Ghalos d'Antioquía e moitos outros máis.
Pola tarde, as actividades continuarán na rúa. Ás 17:00 horas haberá xogos populares a cargo do Viso na rúa dos Viños, onde tamén se instalará a exposición "A feira de Xinzo a través do tempo" ao longo do día. A esa mesma hora, pero no cárcere, organizarase unha mostra de oficios e saberes populares.
Preto da noite, ás 20:00 horas, celebrarase a "A verbena galega d'antes" coa actuación de Oxeito na Praza Maior. Por último, ás 22:00 horas, haberá unha foliada aberta nas rúas do casco vello. Todas estas actividades buscan crear un trasfondo cultural, histórico e etnolóxico entre a veciñanza limiá e, para logralo, nada mellor que vestirse para a ocasión acorde á épocas dos anos 50 para participar na Feira das Mozas de Xinzo.