A terceira edición da Feira do Comercio de Xinzo de Limia inaugurarase mañá venres no pavillón de deportes con 31 expositores no interior do recinto, zonas habilitadas para actividades no exterior, entre elas, un espazo para as crianzas, e o acompañamento de entidades culturais, deportivas e sociais que ampliarán a oferta dos propios comerciantes.
O Concello de Xinzo anunciou onte que a tarifa dos postos reduciuse até os 80 euros (case a metade do que custaba); e as comerciantes, ademais de descontos e promocións, desenvolverán algúns talleres durante os tres días que dura o evento.
A Feira do Comercio, que naceu co impulso da Feira da Pataca (que se celebrará no mesmo recinto a primeira fin de semana de setembro), é a última oportunidade do comercio local para aproveitar o tirón do turismo do verán e, na xornada do sábado, coincidirá coa Feira do 27 en Xinzo.
Desde ProLimia, a entidade organizadora que conta co apoio do Concello de Xinzo, da Deputación de Ourense a través do Inorde, e da Xunta, súa presidenta, Concha Conde, agradeceu na presentación da semana pasada o apoio do tecido asociativo de Xinzo á iniciativa das comerciantes. ProLimia tamén subliña o patrocinio das firmas Guays, Jalys, Cerredelo, Eroski e Gadis.
O venres e o sábado a Feira do Comercio estará aberta entre as 10.00 e as 22 horas; e o domingo, entre as 10:00 e as 21:00 horas.
Mañá venres terá lugar a inauguración ás 10.00 horas. Coa alcaldesa de viaxe na República Checa acompañando á Banda de Gaitas, a representación institucional recaerá en Amador Díaz, tenente de alcalde do goberno local. Ás 12:30 horas celebrarase unha degustación de produtos da comarca e actuará a Agrupación Musical da Limia, unha das entidades colaboradoras. O pavillón acondicionouse no interior, mais o recinto segue a evidenciar falta de mantemento no exterior.
Na primeira xornada, pola tarde, Arte Arrebol ofrecerá un taller de artesanía con barro. Artesanía Rosa organizará talleres de macramé. A tenda Ágora tamén fará os seus talleres: o venres pola tarde sobre as cores, impartida por Sonia Trigo, personal shooper. O sábado pola mañá, Miriam De Celis dinamizará unha charla sobre experiencias nos coidados de enfermidades; e pola tarde, a maquilladora Bea Bello impartirá un taller. O domingo pola mañá Sonia Trigo conducirá un taller de asesoramento de imaxe persoal.
Arte Arrebol, Artesanía Rosa e a tenda Ágora anuncian talleres sobre temáticas moi diversas.
O sábado está programada unha sesión vermú con Disco Móbil (ás 12.00 horas) e celebrarase o Torneo 3x3 de minibásket que organiza a Asociación Baloncesto Xinzo, outra das entidades colaboradoras. Tamén a Escola Rural de Saúde anuncia que realizará medicións de glucosa e tensión arterial. Para o domingo repetirase a sesión vermú das 12 e contra ás 20:00 horas celebrarase o sorteo dunha viaxe para 2 persoas entre as clientas da Feira.