jueves. 21.11.2024

O pasado mércores, os veciños de Lamas xa contaron cun aperitivo das grandes festas que comezan hoxe nesta localidade de Xinzo. Esta fin de semana festexarán na honra da Santa Cruz con tres días de troula nos que haberá moita música e todo grazas á comisión de festas composta por Jorge Joga, Ángel Rodríguez, Pablo Taboada, Yago Taboada, José Ángel Vidal e Carlos.

O pasado 3 de maio, día da Santa Cruz, contaron coa actuación da orquestra Pontevedra e hoxe comeza o gordo da programación que inaugura a tempada de festas patronais na zona. Pola noite, a orquestra La Fórmula será a encargada de poñer o toque musical a esta primeira xornada festiva. Trala súa actuación, unha sesión DJ impedirá que a troula remate cedo.

O sábado pola mañá haberá un pasarrúas a cargo da banda de gaitas Cidade de Antioquía, que ofrecerá tamén unha sesión vermú. Xa pola tarde, no campo da festa organizarase un torneo de futbolín ás 17:30 horas, antes do primeiro pase que estará a cargo da orquestra Tango. Pola noite, a formación volverá poñer música a esta festa e a xornada acabará coa discomóbil Space.

 

As festas en Lamas rematarán domingo, día 7 de maio, coa cita máis importante destas datas. Haberá misa e procesión na que os Danzantes de Lamas sairán de novo ás rúas para desfrutar desta tradición que se recuperou nos anos 80. Ademais, estarán acompañados pola Agrupación Musical da Limia.

Na tarde, a orquestra Saudade porá fin a estes días de troula en Lamas. Ademais, coñecerase aos gañadores do sorteo promovido pola comisión de festas. O primeiro premio é unha viaxe de cinco días a Tenerife para dúas persoas, o segundo é unha escapada de Spa&Relax tamén para dúas persoas e o terceiro, un bo xamón para comer na casa.

Cartel das festas en Lamas, Xinzo.
Cartel das festas en Lamas, Xinzo.

NOTICIAS XINZO | Lamas estrea a tempada de festas patronais con tres días de troula