A 1ª Fase do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas desenvolverase esta fin de semana en Xinzo, cunha programación que inclúe ao I Concurso de Gaitas e Percusión da Limia. Preto dunha decena de provincias españolas estarán representadas no certame, no que haberá unha formación de Portugal, chegando a un total de 26 bandas e 750 músicos que se desprazarán ata a vila.
As actividades comezarán mañá ás 12:00 horas, cando se inaugurarán os eventos que terán lugar en Xinzo durante a fin de semana. Pola tarde celebrarase o Concurso de Gaitas e Percusión da Limia, onde haberá 26 participantes divididos en catro categorías: solistas de caixa de banda, cantareiras, parellas ou solitas de gaita e percusión tradicional e cuartetos de gaitas e percusión. Este certame, que comezará ás 16:00 horas na Casa da Cultura, terá como xurado recoñecidos persoeiros deste mundo e son Arturo Lamas, Iván Costa, Óscar Ibáñez, Manuel Durán e Francisco Javier Pena.
A vila terá unha ampla representación neste primeiro concurso, no que tamén haberá participantes das catro provincias galegas, de Barcelona e de Madrid. Os gañadores coñeceranse ás 20:00 horas, cando remate o certame e se entreguen tanto os premios como os diplomas e agasallos.
O domingo será o día no que as bandas chegadas dende diversos puntos da Península amosen o seu talento. Ás 9:45 terá lugar o izado de bandeiras na Praza Carlos Casares, o que dará comezo á 1ª Fase do XIV Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas. Nel, están representados as catro provincias galegas, pero tamén Asturias, León, Barcelona e Madrid. A participación portuguesa chega de Viana do Castelo, da man da banda de São Tiago de Cardielos.
A Banda de Gaitas de Xinzo participará en dúas das categorías, na de 1º e na de 4º Grao, e, xunto coa banda Cidade de Antioquía, serán os representantes da vila no certame. A Escola de Gaitas de Trasmiras e a banda do Concello de Baltar, completan a lista de participantes da Limia.
O evento rematará cun desfile dende a Praza Maior ata a Carlos Casares ás 13:55 horas, polo que será que cortar o tráfico da N-525 neste tramo. Posteriormente, o gaiteiro internacional José Ángel Hevia será o encargado de ler o pregón e tamén se entregarán os premios deste certame.
PROGRAMACIÓN:
Sábado 25 de marzo
- 12:00 horas. Inauguración oficial dos eventos e intervención institucional de benvida da alcaldesa no Salón de Plenos dos Concello.
- 12:15 horas. Mesa redonda interactiva "Pasado, presente e futuro das bandas de gaitas na Península Ibérica" no Salón de Plenos. Interveñen Fernando Dopico, Xosé Lois Foxo, José Ángel Hevia, Óscar Ibáñez e Jorge Gándara.
- 16:00 horas. I Concurso de Gaitas e Percusión da Limia no salón de actos da Casa da Cultura.
- 20:00 horas. Entrega de diplomas, agasallos e premios do I Concurso de Gaitas e Percusión da Limia no salón de actos da Casa da Cultura.
- 20:30 horas. Concerto lúdico-didáctico de música tradicional castelá-leonesa con Carlos Beceiro e Luis Antonio Pedraza na Casa da Cultura.
Domingo 26 de marzo
- 9:45 horas. Izado de bandeiras na Praza Carlos Casares, na área de competición e posterior comezo da 1ª Fase do XIV Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas.
- 13:55 horas. Fin do certame co desfile das bandas dende a Praza Maior ata a Praza Carlos Casares.
- 14:10 horas. Lectura das puntuacións e entrega de diplomas, agasallos e premios. Tamén lerá o gaiteiro internacional José Ángel Hevia o pregón e intervirán as autoridades para clausurar o evento, que rematará co arriado de bandeiras e a interpretación conxunta do "Himno do antergo reino de Galicia".