A Consellería do Medio Rural está a afianzar a súa aposta polo regadío da Limia cun novo investimento de fondos propios que ascende ata os 8 millóns de euros (un millón de euros anuais ata o ano 2032). Así o anunciou hoxe a titular deste departamento, María José Gómez, na sinatura dun novo convenio coa
Comunidade Xeral de Regantes Nova Limia, que ten como obxectivo subvencionar a viabilidade financeira das actuacións enmarcadas na iniciativa de mellora para o aproveitamento en regadío das captacións de augas subterráneas desta comarca.
Con este orzamento poderanse levar a cabo as obras de modernización e consolidación do regadío da Limia contempladas no convenio asinado entre a Comunidade de Regantes e a Sociedade Estatal de Infraestruturas Agrarias (Seiasa), enmarcado no Plan de Recuperación, Tranformación e Resiliencia da Economía Española, concretou Gómez, que estivo acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez; polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; e polo presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor.
A conselleira explicou que este proxecto conta cun orzamento de case 36 millóns de euros máis IVE, do que a Comunidade de Regantes ten que financiar o 20%, ademais do 21% do IVE da obra e outros custos adicionais. A conselleira do Medio Rural cualificou como "inasumible" a cantidade que teñen que aboar os regantes algo que, como recalcou, "se trasladou" en numerosas ocasións. Polo tanto, a Xunta "respondeu" con axilidade "cumprindo co prometido" e optou por establecer este convenio para facer fronte a parte do financiamento que lle corresponde asumir a esta Comunidade.

Seguindo esta liña, contrapuxo o importante esforzo inversor do Goberno autonómico baseado na utilización de fondos propios en contraste co traballo realizado polo Goberno central, que recadará o IVE desta obra. De seguido, destacou que a mellora e modernización da Limia é unha "actuación estratéxica" que traerá consigo importantes repercusións positivas tanto para o desenvolvemento socioeconómico da zona como para a potenciación do sector agrario da comarca. Ademais, referiuse ás obras realizadas con carácter previo nesta zona.
A Consellería do Medio Rural realizou nos últimos anos importantes investimentos para modernizar e mellorar o regadío da Limia, sempre con fondos propios e co obxectivo de manter e preservar o tecido agrario desta comarca.
Cómpre lembrar os catro millóns de euros investidos na sondaxe e construción de 42 pozos para a captación de augas subterráneas, actuacións necesarias para que a Comunidade de Regantes puidera asinar
o convenio con Seiasa.
María José Gómez tamén salientou os 2,5 millóns destinados para financiar na súa totalidade, a instalación dos grupos de bombeo e de electrificación. Polo tanto, no seu conxunto, a Xunta investiu preto de 7 millóns de euros para acometer obras de mellora no regadío da Limia.