A organización xuvenil Galiza Nova aposta por terceiro ano consecutivo pola campaña "De man a man", unha proposta solidaria e ecolóxica para axudar ás familias máis desfavorecidas da Limia. Recollen xoguetes, libros, roupa e alimentos para combater as desigualdades na comarca.
A campaña comezou esta semana e terá varias fases. No Café Ítaca e na tenda de lambetadas da Praza Maior pódense entregar xoguetes e libros ata o 18 de decembro. O próximo xoves instalarán un novo punto de colaboración na Praza Maior para seguir coa recolección.
Ademais, este sábado contarán coa colaboración do Antela F.C. no seu último partido de liga deste ano, que terá lugar na Moreira ás 12:00 horas. O club crearán un espazo para a recollida de alimentos non perecedeiros e agasallarán con rifas a todos aqueles que colaboren con doazóns.
Para repartir todo o recollido, Galiza Nova suma a esta campaña a entidades de carácter social como o CDR O Viso ou Cáritas, que distribuirán o material entre as familias que o precisen. "É unha acción do pobo para o pobo, porque é entre veciños e veciñas como mellor nos podemos axudar", comenta Xaira Pena, responsable de Galiza Nova. Sobre o cariz de consumo responsable, engade que "era algo que cumpría facer, xa que é moi necesario un consumo responsable e a concienciación para un mundo máis solidario e ecolóxico".