martes. 03.12.2024

A conta atrás para a chegada do Entroido de 2023 está cada vez máis preto de chegar a cero, polo que todo debe estar a punto para tan agardada festividade. A Asociación A Pantalla ponse en marcha e este sábado contará cunha actividade que se centrará na elaboración dos fachóns, fundamentais para o día do Colgamento do Meco, que será o 4 de febreiro pola noite.

No Museo Galego do Entroido (MUGAE), a partir das 16:30 horas, comezarán a preparar coa palla os fachóns que se empregarán para alumear a Procesión do Colgamento do Meco. A actividade é aberta a toda a veciñanza, que terá a oportunidade de coñecer como se crean estes importantes elementos artesanais do Entroido limiao.

E non todo será traballar. Este encontro de preparativos tamén contará cunha "merendola", como din dende a organización, e moita música para acompañar a tarde. Para os máis cativos haberá outra actividade na que poderán aprender como baila unha Pantalla, polo que é importante que leven os seus cintos para unha correcta lección.

Esta xornada completarase cunha nova actividade da programación deste mes de xaneiro no MUGAE. Ás 19:30 horas haberá un coloquio con Xosé Manuel Seixas, quen colabora co espazo cultural cunha exposición de máscaras dos diferentes Entoidos de Galicia. Os asistentes coñecerán da man do autor como aprendeu a facelas e todas as historias que se agochan tras delas.

Cartel da actividade de elaboración de fachóns que terá lugar este sábado no MUGAE.
Cartel da actividade de elaboración dos fachóns que terá lugar este sábado no MUGAE.

NOTICIAS XINZO | A asociación A Pantalla prepárase para o Colgamento do Meco