viernes. 22.11.2024

Monbus estará un ano máis no Entroido de Xinzo, no que habilitará un servizo especial para todos os que se queiran trasladar á vila na noite do sábado. O seu "Entroidobús", como lle chaman, contará cuns liñas de ida e volta para acudir á festa dende Ourense, con parada en Allariz, na noite do 18 e madrugada do 19.

Os viaxeiros poderán desprazarse dende Ourense ata Xinzo nos horarios habituais da fin de semana ás 6:15, 13:00 e 20:00 horas e a eles sumaranse os dous servizos especiais ás 22:00 e 23:00 horas, con paradas ás 22:25 e 23:25 en Allariz. O servizo contará con autobuses de regreso á cidade, xa na madrugada do domingo, ás 4:00 e ás 6:00 horas, tamén con parada na vila alaricana, e súmanse ao horario regular das 8:40 horas.

Dende a empresa recomendan que, para planificar mellor a viaxe, os usuarios reserven a súa praza na web de Monbus, o que tamén lles permite empregar os descontos dispoñibles utilizando  a Tarxeta de Mobilidade de Galicia. Por outra banda, os menores de 21 anos poden viaxar de xeito gratuíto empregando a Tarxeta Xente Nova e reservando a súa praza con antelación.

NOTICIAS XINZO | Monbus ofrece un servizo especial para a noite do Sábado de Entroido