jueves. 21.11.2024

A doutora Cristina Margusino será recoñecida polo seu compromiso co rural e a humanización da medicina, polo que recibirá a Medalla do Concello de Xinzo. O acto institucional terá lugar este sábado, ás 12:00 horas, no Salón de Plenos da Casa Consistorial. Esta homenaxe serve para destacar o seu labor como xefa do servizo de Atención Primaria na localidade e a súa contribución para convertela nunha referente no tocante á atención sociosanitaria.

Margusino, médica de profesión e aínda máis por vocacións, traballou no centro de saúde de Xinzo dende o 2011 e durante 11 anos. Ao longo desta etapa é recoñecida e admirada polos seus pacientes, nos que deixou unha fonda pegada. Con esta homexa, búscase agradecerlle todo o que fixo nese tempo.

No ambulatorio limiao puxo en marcha proxectos integrais de saúde e, en 2019, promoveu as Xornadas de Atención no Rural co obxectivo de humanizar a asistencia médica. Estas xornadas, que se iniciaron en Vilar de Santos antes da pandemia e continuaron no 2021 en Xinzo, amosaron a necesidade de establecer un Plan de Saúde Local que permitise facer unha diagnose dos recursos e dar resposta ás demandas da poboación.

No 2019, as xornadas logran a Primeira Beca de Medicina Rural, un recoñecemento que outorga a Asociación de Médicos Galegos (Asomega) e a Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia SEMG. Tres anos despois, Margusino asiste ao World Rural Health Conference, un congreso internacional celebrado en Irlanda, no que 500 profesionais da saúde de todo o mundo debateron sobre as súas especialidades. A doutora participou co seu equipo de Atención Primaria e acadaron o primeiro premio.

O Concello valora a dedicación plena durante máis dunha década a mellorar a saúde e os hábitos de vida da veciñanza de Xinzo, así como a súa abnegada entrega á poboación limiá, en estreita colaboración co Goberno local de Xinzo, durante os duros tempos da pandemia.

Cartel do acto de homenaxe a Cristina Margusino.
Cartel do acto de homenaxe a Cristina Margusino.

NOTICIAS XINZO | A doutora Cristina Margusino recibirá a medalla do Concello este sábado