A organización xuvenil do BNG en Xinzo, Galiza Nova, manterá este sábado un encontro coa mocidade para reflexionar sobre a situación actual do municipio. "A xente nova de Xinzo merece máis e sentirse representada nas institucións, polo que chegou o momento de demostrar que a rapazada tamén poder facer política", destaca Xaira Pena, responsable local da organización e número 7 na lista do BNG para as vindeiras eleccións municipais.
O encontro, que leva por lema "A mocidade merece máis!", terá lugar mañá ás 12:00 horas no Café Cultura Ítaca de Xinzo. O acto é aberto ao público e desexan escoitar o que precisa a mocidade limiá. "Queremos que as nosas necesidades laborais teñan por fin unha prioridade real, porque somos unha parte moi importante de Xinzo que precisa garantías de futuro e asegure unha boa vida nas nosas aldeas", resalta Pena. O que buscan é que a xente nova poida "quedar e medrar" na vila.
Ademais de Pena, no acto tamén participarán outras persoas que forman parte da lista de Camilo Vila para as eleccións municipais. Mirian Opazo, número 6; Malco Garrido, suplente 2º e responsable comarcal de Galiza Nova; Brais Valencia, suplente 4º; ou Borja Rubén Domínguez, suplente 6º; estarán neste encontro cos mozos limiaos. "Cada persoa ten unha situación persoal que nós, dende Galiza Nova, non somos capaces de ver e por iso queremos xuntar á máxima mocidade posible para que todos teñan a oportunidade de manifestar as súas necesidades", sinala Pena.
Queremos que a mocidade teña a oportunidade de manifestar as súas necesidades (Xaira Pena, responsable de Galiza Nova en Xinzo)
Galiza Nova leva catro anos traballando polos máis novos da localidade e aproveitarán as eleccións do 28 de maio para ir máis alá. "Ter a oportunidade de representar á mocidade nas listas é un orgullo", destaca Pena. Ademais de cubrir necesidades laborais, tamén buscarán outras formas de ofrecer oportunidades en educación para os mozos. "Hai que facer propostas educativas con maiores opcións de formación que nos brinden un mellor futuro", engade.
Este é o camiño, valora, para que a xente quede en Xinzo e así conseguir un concello de 10.000. "Realmente temos a necesidade marchar, non é que podamos elixir entre facelo ou non. Para ser 10.000, temos que quedar", remata a responsable local de Galiza Nova. A mocidade limiá terá voz neste encontro para explicar como queren "Medrar en Xinzo, Vivir en Xinzo, Traballar en Xinzo, Coidar en Xinzo e Desfrutar en Xinzo".