jueves. 21.11.2024

A Asociación Civitas Limicorum organiza este verán unha actividade de conciliación para os máis pequenos, coa colaboración do Concello de Xinzo. A entidade promove un campamento "para xente miuda" baixo o título "Xogando coa Historia", que terá lugar do 31 de xullo ao 11 de agosto.

A actividade está dirixida para nenos de entre 7 e 10 anos, que asistirán a cada xornada de 9:00 a 14:00 horas á Casa da Cultura de Xinzo, onde terá lugar o campamento. As familias poderán concretar a flexibilidade de horarios ás entradas e saídas, no caso de necesitalo, cos monitores ao inicio do campamento.

Os rapaces que formen parte desta actividade, terán a oportunidade de aprender sobre a cultura galaica e a súa vinculación co territorio. Tamén poderán coñecer a convivencia que tivo esta cultura co mundo romano cando a Gallaecia se incorporou ao Imperio. Ademais, a cativada traballará na elaboración dunha peza teatral.

A inscrición xa se pode facer premendo aquí e as prazas son limitadas. O prezo deste campamento será de 30 euros para persoas que sexa socias, mentres que para os que non o sexan será de 60. Con esta iniciativa, dende Civitas Limicorum queren axudar coa conciliación familiar e tamén aproximar aos máis pequenos a historia de galaicos e romanos.

Para saber máis, pódese contactar a través do correo electrónico [email protected].

Cartel do campamento de Civitas.
Cartel do campamento de Civitas.

NOTICIAS XINZO | Civitas organiza un campamento para que os nenos coñezan a cultura...