A Concellería de Deportes do Concello de Xinzo ten aberto o prazo de inscrición para a súa oferta deportiva, cuxas clases comezarán a partir do día 2 de outubro. De fútbol a baloncesto, pasando por pilates, ximnasia ou natación. As actividades están pensadas para veciños de tódalas idades.
As Escolas Deportivas do Concello de Xinzo disporán de varias actividades. Os nenos nados no 2016 e en anos anteriores, poderán participar nos equipos de fútbol 11 e fútbol oito. Os máis pequenos, poderán unirse á escola de fútbol con entramentos luns e mércores, os nados no 2018; e os martes e xoves, e os do 2017; en horario de 16:00 a 17:00 horas.
Ademais do fútbol, as Escolas Deportivas contarán con clases de psicomotricidade para os nenos nados en 2019 e 2020, con sesións luns e mércores ás 17:00 horas. Neste caso, as prazas son limitadas, Por último, tamén ofrecen ximnasia para os nados en 2018 ou anos anteriores. Haberá grupos de adestramento segundo idade e nivel os luns e os mércores.
A Asociación Deportiva Limiactiva tamén disporá dunha oferta de atletismo para os nados en 2017 ou en anos anteriores, con sesións os martes e xoves de 17:00 a 18:15 horas. O Club Amigos do Tenis de Xinzo tamén conta con clases para os nados en 2014 ou anos anteriores, con prazas limiatadas. Os adestramentos serán os mércores dende as 17:00 horas, con grupos segundo a idade e nivel.
Outras propostas son a da Asociación de Baloncesto Xinzo, á que se poden unir nados no 2018 e anteriores. Tamén hai kárate para os nados nese mesmo ano ou máis maiores. As clases serán martes e xoves a partir das 17:00 horas, con grupos segundo idade e nivel. A capoeira, da man de Andarué, será para nados no 2018 e anteriores, con clases mércores e venres dende as 17:00 horas.
Para calquera desta actividades, a inscrición pódese formalizar aquí ou enviando un correo electrónico a [email protected]. A concelleira de Deportes, Cristina Campero, destaca que “tomámonos moi en serio contribuír na mellora da calidade de vida das veciñas e dos veciños. Dende este Concello sempre fomentaremos o deporte como actividade imprescindible na vida de tódalas persoas".
Por outra banda, a Concellería de Deportes tamén conta con oferta propia como o aquagym, que será os luns e mércores ás 20:15 horas. Neste caso, prevese un aumento das hora para contar con grupos de mañá. As inscricións xa se poden formalizar na piscina climatizada, ao igual que para aerobic-zumba, cuxas sesións serán luns e mércores ás 19:30horas; ou pilates, con sesións os martes e xoves con tres horarios -19:00, 19:45 e 20:30 horas-.
A partir do próximo luns, poderanse formalizar as inscricións, tamén na piscina climatizada, para natación e para ximnasia e mantemento. Por último, haberá cachibol para maiores de 60 anos e será os venres ás 10:30 horas no Centro Sociocomunitario de Xinzo, onde se poden anotar.