O Museo Galego do Entroido organiza unha charla moi especial para dar a coñecer as ritualidades do Entroido e o papel que as mulleres teñen nelas. O antropólogo Rafael Quintía será o encargado de impartir a conferencia "Entroido: rito e xénero", que afondará no rol das mulleres nistes festexos populares.
O Entroido é unha das celebracións máis fascinantes e complexas do calendario festivo tradicional galego. Encadrado no ciclo das festas do inverno, é a derradeira mascarada desta estación, o momento de renovar o ciclo natural e social abrindo paso á chegada da primavera.
Tempo das máscaras, da representación do caos, dos ritos de fertilidade ou da quebra de todos os límites, a celebración dos ritos do Entroido implica a existencia de oficiantes, os especialistas do Entroido coñecidos como as "máscaras" e os "bandos". Nesta estrutura simbólica, as categorías de xénero tamén desempeñan un papel importante.
É por iso que o antropólogo Rafael Quintía analizará a complexa ritualidade do Entroido, as accións dos oficiantes e a relevancia das categorías de xénero e de idade nesta festividade. Unha oportunidade para profundar na comprensión desta celebración única, na que o rito e o xénero se entrelazan nunha danza fascinante.
A conferencia terá lugar o vindeiro 17 de novembro, ás 19:00 horas, na sede do Museo Galego do Entroido en Xinzo de Limia. Unha conversa a través da que mergullarse nas profundidades desta festividade ancestral.