Poucas cousas faltaban por facer na Limia ó redor do seu produto estrela, a pataca; motor económico da bisbarra e tesouro da cociña tradicional galega, o que non tiña o exquisito tubérculo era unhas xornadas de exaltación das enormes posibilidades gastronómicas que ofrece. Pois ben, isto xa vai acontecer.
Na tarde de onte, o Concello de Xinzo convocaba ós hostaleiros e hostaleiras a unha reunión co obxectivo de pór en marcha as que serán as primeiras "Xornadas gastronómicas da pataca". Unha xuntanza na que participaban 15 representantes da hostalería, o alcalde da vila, Amador Díaz, mailos concelleiros Ramón Gómez e Ricardo Sieiro.
A iniciativa do Concello de Xinzo tivo unha excelente acollida por parte dos hostaleiros, que ven unha oportunidade de dinamizar a vila e de atraer visitantes coa celebración diste evento ó redor da pataca. Estímase que case unha vintena de locais participen nas xornadas de exaltación gastronómica.
Inda sen confirmar as datas concretas, o que si acordaron é que o evento se faga durante dúas semanas seguidas, de xoves a domingo. O vindeiro luns haberá unha segunda reunión para ir perfilando os detalles concretos das xornadas gastronómicas. Será cando se decidan as datas. Tamén se chegou ó acordo da necesidade de poñer un prezo fixo ós petiscos que se degustarán.
Involucrar a toda a sociedade
Pensando en apoiar ó sector hostaleiro e en potenciar a súa creatividade, e tamén en involucrar a todos os sectores da sociedade, os hostaleiros que participen farán unha visita ós institutos para que as mestras de cociña lles presenten ideas de elaboracións coa pataca coma protagonista e de todas as posibilidades que ofrece iste produto.
Sen dúbida, as xornadas gastronómicas serán unha excelente oportunidade para degustar, probar e descubrir novos pratos e receitas elaborados con pataca. A alta disposición dos hostaleiros coa iniciativa xurdida dende o Concello de Xinzo concretarase na reunión do vindeiro luns, momento para definir as liñas de actuación e a programación do evento.