O CDR O Viso lanza unha nova iniciativa solidaria: ALUMAR, que será unha acción de solidariedade entre a veciñanza a cal persegue encher de luz e ilusión o nadal daquelas persoas que están soas e que perderon o lume da ilusión por esta festa, para que así volvan prender esa chama este ano gracias á axuda dalgunha veciña ou veciño.
Serán 23 as persoas que terán, por fin, un nadal diferente. Lucía Novoa, presidenta do Centro de Desenvolvemento Rural O Viso explica que “escollemos esta cifra por que ten o simbolismo de ser o ano que despedimos e queremos que sexa un ano que estas persoas recorden”.
A iniciativa ALUMAR busca poñer en contacto a persoas e familias voluntarias que lle fagan un regalo especial a persoas, xeralmente maiores, que viven soas e coas que o CDR está traballando nalgúns dos seus programas de carácter social.
O equipo de profesionais do Viso xa iniciou a fase de explorar os desexos das persoas maiores, quen escribirán unha carta explicando como son e que queren. Esa carta chegaralle ás persoas voluntarias, que despois buscarán o regalo ideal que finalmente lle chegará, nasa vésperas do nadal, ás casas das persoas que conviven coa soidade.
Lucía Novoa compárao coa natureza: “queremos que tódalas nosas veciñas e veciños esperen o nadal coma esperamos a chegada dos paporroibos neste tempo de xeadas, con ledicia e asombro porque os días volverán medrar”.
O CDR busca agora ás persoas e familias voluntarias, que serán igualmente 23. O prazo límite para inscribirse será o día 15 de novembro. Novoa confía no poder da comunidade como correctora dos problemas que xorden “de sempre no rural nos axudamos unhas casas ás outras e isto é exactamente iso, axudarlle a alguén a prender o lume da ilusión do nadal despois de telo apagado moito tempo”.