A Xunta de Galicia prevé sacar a concurso novas parcelas do parque empresarial de Xinzo de Limia no primeiro trimestre de 2024, tal e como lle avanzou a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao alcalde da localidade, Amador Díaz, nunha reunión que mantiveron recentemente.
Deste xeito, porase á disposición do tecido produtivo un total de 86.521 metros cadrados, cunha distribución inicial de 19 parcelas de uso industrial-comercial e 4 de uso terciario. Cómpre lembrar que todas as parcelas se venderán a prezo bonificado, con descontos do 50%.
Plan Hurbe para o casco vello
A maiores, no encontro tamén avaliaron o proxecto municipal para a humanización de varias rúas do casco histórico da localidade. Nesa liña, a vicepresidenta segunda informou ao alcalde da posibilidade de que esa iniciativa encaixe nos obxectivos do chamado plan Hurbe, que precisamente ten como finalidade axudar ás administracións locais a financiar este tipo de actuacións que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. Así, de ratificarse a colaboración, a Xunta financiaría o 70% da actuación e o concello asumiría o 30% restante.
Este plan, que en 2024 contará cun orzamento de máis 8 millóns de euros, pretende apoiar aos concellos na realización de obras de humanización que contribúan á dotación de espazos máis sostibles. Desde a súa posta en marcha, este programa de apoios mobilizou máis de 165 millóns de euros para o financiamento de 416 iniciativas urbanísticas en decenas de municipios galegos.
Ángeles Vázquez subliñou que o Goberno galego mantén así o seu compromiso cos pequenos concellos colaborando cos coas administracións locais para avanzar cara a un desenvolvemento sostible e á fixación da poboación no rural a través da dotación de mellores servizos e equipamentos.