A Concellería de Servizos Sociais, Igualdade e Saúde, xunto co CIM de Xinzo, dentro da conmemoración do Día Internacional da Muller, e co obxectivo de sensibilizar sobre a igualdade de xénero e dar visibilidade ás mulleres en ámbitos tradicionalmente considerados masculinos, organizan as seguintes actividades, financiadas a través do Pacto de Estado contra a violencia de xénero:
Os días 5 e 6 de marzo terá lugar a actividade "Seguridade Violeta", para traballar a prevención das violencias machistas, dirixida ao alumnado de 2º da ESO dos IES´s Cidade de Antioquía e Lagoa de Antela. Nesta actividade participarán 121 rapaces e rapazas. Desenrolarase en dúas sesións de dúas horas de duración cada día con cada un dos grupos. Dentro desta actividade está prevista a realización dunha curtametraxe por cada IES, que será presentada o día 22 de marzo no Salón de Actos da Casa da Cultura de Xinzo.
Os días 7 e 8 de marzo, o Obradoiro Educando dende a Igualdade de Xénero, dirixido ao alumnado do obradoiro dual de Carpintería e Xardiñería, impartirase na aula da Casa da Cultura. O 8 de marzo instalarase a mesa informativa na Praza Maior e ás 12:30 horas terá lugar a Lectura do manifesto.
O 11 de marzo terá lugar a Scape Room "Elas", actividade que ten como obxectivo fomentar a reflexión entre @s participantes sobre a importancia da igualdade e a rutura cos estereotipos de xénero. Desenvolverase entre 85 nenos e nenas nos dous CEIP´s, entre o alumnado de 5º no Rosalía de Castro e 6º no Carlos Casares, en horario de 9:00 a 14:15 horas.
Os días 18, 19 e 20 de marzo desenrolarase en Ganade o Curso Nómadas Dixitais, actividade que se organiza en colaboración co Instituto da Familia. Destinada ao acompañamento a mulleres maiores que teñen un telefóno móbil e queiran aprender a manexalo de forma segura, así como aprender a usar aplicacións útiles para a súa vida diaria.
O día 22 de Marzo, ás 17:00 horas, está prevista unha nova Scape Room titulada "Igualdade: un reto contra a violencia de xénero", cun aforo máximo de 200 persoas. Terá lugar no Parque do Toural e a inscrición deberá facerse co código QR que aparece no cartel.
Para rematar coa programación os días 25, 26 e 27 de marzo, terá lugar a actividade Concilia Semana Santa, na Praza Carlos Casares, de 9:00 a 13:00 horas.