jueves. 21.11.2024

O Concello de Xinzo de Limia está levando a cabo unha serie de obras destinadas a mellorar o estado das pistas rurais, coa finalidade de facilitar o acceso e a seguridade viaria. Estas intervencións, financiadas a través de diversas subvencións da Consellería do Medio Rural, supoñen un importante paso nas infraestruturas viarias e na calidade de vida dos veciños e veciñas das zonas de influencia.

 

Unha das actuacións máis destacadas desenvolveuse nas pistas de Solveira, Rebordechá e O Bouzo, que foran afectadas pola concentración parcelaria. Neste caso, rehabilitouse un total de 3.340 metros lineais de pistas, cun investimento de 189.565,67 euros. Estas melloras permitirán unha circulación máis fluída e segura, tanto para os residentes como para a maquinaria agrícola, moi presente nesta zona.

Pista na localidade de Solveira.
Pista na localidade de Solveira.

 

 

 

Dentro do Plan Marco da Consellería do Medio Rural, o Concello tamén está a actuar en tres pistas situadas nas parroquias de Gudes, Guntimil e Baronzás. Estas obras, cunha lonxitude total de 4.187 metros e un orzamento de 92.900 euros, mellorarán de forma significativa o estado das vías.

 

Moncho Gómez, concelleiro de Obras e Infraestruturas, resaltou a importancia destas intervencións para o benestar dos habitantes do rural: "Estas obras son cruciais para garantir que os veciños e veciñas teñan un acceso axeitado ás súas vivendas e terras. Ademais, nas pistas beneficiadas, estanse a empregar diferentes tipos de asfaltado, segundo as características de cada tramo, o que nos permite prolongar a vida útil das infraestruturas e mellorar a súa resistencia ao paso do tempo e ao tráfico agrícola".

Pista na localidade de O Bouzo.
Pista na localidade de O Bouzo.

 

 


En conxunto, as obras nas seis zonas supoñen un investimento de 282.465,67 euros en 7.527 metros de vías, demostrando o compromiso de mellorar as infraestruturas viarias, especialmente nas áreas rurais, que precisan este tipo de intervencións para impulsar a conectividade e apoiar o desenvolvemento económico local.

NOTICIAS XINZO | O Concello inviste case 300.000 euros nas pistas do rural