jueves. 21.11.2024

No último dos plenos celebrados no consistorio antelano, deuse a coñecer a decisión de que este ano o Concello de Xinzo de Limia, concretamente a Concellaría de Festexos, non creará unha comisión específica para levar a cabo a xestión e produción do Entroido.

Dende a Asociación da Pantalla, sentimos unha profunda tristeza ante esta noticia por diversos motivos, sendo un dos máis destacados a perda da diversidade e pluralidade que a Comisión soubo manter ata o de agora. A creación dun grupo de traballo inclusivo permitía representar a todas as veciñas e veciños de Xinzo, garantindo un Entroido para todos os limiaos.

Aínda que moitas veces se comenta entre os entroideiros que o Entroido non debe ter unha organización ríxida, senón que debe ser dinámico e espontáneo, desde a Asociación respondemos que "nin tanto, nin tan pouco". É certo que un exceso de regulación podería desvirtuar a esencia do Entroido, onde debe existir un certo "deixarse levar". Non obstante, hai aspectos cruciais, especialmente en festas de grande afluencia, como a seguridade, a limpeza ou a contratación e coordinación dos grupos participantes, que non se poden deixar á improvisación.

Xustamente, a función da Comisión era equilibrar estes elementos: preservar a esencia tola e espontánea do noso Entroido sen esquecer as responsabilidades e retos que acompañan a organización dunha festa de tal magnitude. Este equilibrio entre a loucura e a sensatez só se logra cando comprendes o Entroido desde o seu fondo significado e contas cun equipo comprometido que traballa conxuntamente para facer realidade o mellor tempo do ano para a nosa comunidade.

Desde a Asociación Cultural "A Pantalla", non estamos de acordo con esta decisión. Como mencionamos anteriormente, cremos que a diversidade é sempre un valor engadido, pois aporta riqueza e asegura unha representación plural de todas as sensibilidades, gustos e estilos das nosas xentes. Esa é, precisamente, a nosa filosofía de traballo: procurar a opinión e a colaboración de todas aquelas persoas que queiran participar. Non hai nada máis valioso que escoitar diferentes puntos de vista, aínda que ás veces alcanzar un consenso poida resultar complexo.

Queremos deixar claro que isto non significa que a nosa Asociación deixe de colaborar co Concello. Seguiremos traballando conxuntamente na organización de aspectos concretos do noso Entroido, co fin de preservar e destacar os trazos máis tradicionais. A nosa prioridade é que a nosa cultura non se deturpe, que a música e os bailes propios teñan un papel protagonista, e, sobre todo, que a nosa máscara siga sendo a verdadeira raíña do Entroido.

Por riba das decisións políticas, o Entroido e todo o que simboliza prevalecerán. A Asociación Cultural "A Pantalla" non se guía por cores ou partidos, senón polo ben do Entroido e pola cultura da nosa vila. Defenderemos sempre, e ante calquera, o mellor para Xinzo de Limia.

Finalmente, non poderiamos rematar este comunicado sen expresar o noso agradecemento a todas aquelas persoas, moitas delas socias da nosa Asociación, que ao longo destes últimos dez anos formaron parte das comisións do Entroido. Grazas ao seu traballo, conseguimos mellorar a nosa festa, mantendo viva a esencia das mellores tradicións.

Por todo iso, e en nome de todas e todos os nosos asociados: MOITAS GRAZAS polo sacrificio de organizar mentres o resto festexamos!

E como sempre se di: VIVA O ENTROIDO! VIVA XINZO! VIVA A PANTALLA!

OPINIÓN | A asociación A Pantalla critica a decisión do Concello de non convocar a...