jueves. 21.11.2024

O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia denuncia un posible caso de prevaricación por parte da concelleira de deportes e deputada no Parlamento de Galicia, Cristina Campero. As e os socialistas explican que a situación vén motivada por unha obra de asfaltado nunha pista da concentración parcelaria, da que segundo puideron saber, o concelleiro de obras e responsable de área "nin coñece nin sabe que fora ordenada por dita concelleira, que supostamente se saltou o procedemento administrativo".

La edila de Deportes del Concello de Xinzo, Cristina Campero Dorado. | FOTO: Paula Limia.
A edila de Deportes do Concello de Xinzo, Cristina Campero Dorado. | FOTO: Paula Limia.

Versión que nega a propia concelleira, Cristina Campero: "Non é certo que o meu compañeiro Moncho, concelleiro de Obras, non soubese nada. Foi falado nunha reunión do Goberno e o único que fixen foi contribuír a axilizar esa actuación necesaria e urxente", di a deputada autonómica, quen sostén ademais que "o propio empresario xa lle tiña solicitado en varias ocasións tanto ao alcalde como ao concelleiro de Obras que se levase a cabo esa actuación. Incluso me consta que xa no tempo no que Elvira Lama era aínda alcaldesa", afirma Campero Dorado. 

Cristina Campero asegurou, preguntada por esta polémica, que "nós estamos aquí para solucionarlle os problemas aos veciños, e ás veces hai actuacións urxentes ás que se lles debe dar unha resposta urxente. A diferencia entre nós e a exrexedora é que este grupo de Goberno, aínda coas súas diferencias, está facendo cousas e vai a facer moito máis polas limiáns, algo do que non pode presumir a anterior alcaldesa", dixo a deputada autonómica popular. 

Dende o grupo municipal socialista, pola contra, sosteñen que "estamos ante un posible caso de prevaricación por parte desta persoa que ordenou a unha empresa facer unha obra omitindo tódolos documentos que por lei deben constar no procedemento". As e os socialistas lembran que o pasado día 4 de setembro pediron por escrito a información completa do procedemento administrativo da obra de asfaltado de dita pista, sobre a que non consta que se seguiran os procedementos legais.

"Logo de pedir copia íntegra do expediente no que debería constar providencia de alcaldía ou acordo da xunta de goberno, ademais da memoria e proxecto de actuación asinada polo técnico competente, así como o informe de necesidade do concelleiro da área responsable, prego de cláusulas administrativas particulares, prego de técnicas, informe sectorial da consellería de Medio Rural e a retención de crédito do importe da mesma, seguimos sen ter acceso a toda a documentación requirida", explica a voceira do PSdeG-PSOE en Xinzo de Limia, Elvira Lama Fernández

Imaxe da pista asfaltada no Concello de Xinzo de Limia.

A voceira socialista explica que esta actuación adxudicada e realizada, "non consta na plataforma de contratos do Estado, onde deben estar publicadas polo seu importe e con tódolos documentos que obren no expediente". Neste senso, Lama Fernández tamén apunta a que "consultada esta plataforma, non está rexistrada nas actuacións do plan de rehabilitación de camiños de concentración, nin no plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2024-2025". Ante esta situación considera que o alcalde, Amador Díaz, "non controla ao grupo de goberno, nin aos seus socios do PP", xa que tal e como salienta "cada un fai e desfai ao seu antollo, sen consultar e tomando decisións persoais para favorecer os intereses particulares e/ou familiares".

Aproveitando o pleno da pasada semana, o PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia requiriu novamente a información, pero tal e como apuntan, o alcalde "non deu ningún tipo de  explicación" e sinalan que "transcorrido o prazo legal para a resposta, seguimos sen recibir a documentación solicitada que avale técnica e xuridicamente a devandita actuación". 

NOTICIAS XINZO | Lama coloca no foco da polémica polo arranxo dunha pista a Cristina...