A Limia, considerada a principal comarca produtora de pataca de Galicia, está a sufrir as consecuencias das choivas persistentes das últimas semanas, imposibilitando a recollida dos tubérculos, máis de 120.000.000 de kg. Deixar na terra o 90% da produción de pataca, supón afrontar perdas duns 38 millóns de euros, pero a maiores, hai que sumar a inversión que xa está feita no cultivo, que ronda os 19 millóns de euros, polo que estarían en risco 57 millóns de euros, nun sector como o agrícola, con numerosas explotacións familiares que conforman o pilar económico da bisbarra, na que o resto de sectores dependen do primario.
A implantación do cultivo da pataca viuse gravemente afectado pola imposibilidade de acceso ás parcelas en tempo. Na primavera, as terras de cultivo estaban totalmente asolagadas polo mal drenaxe das cunetas, dos canais secundarios, dos ríos e do canle principal.
ADEGAL denunciou e demandou ante as Administracións a limpeza e mantemento das infraestruturas agrarias. Logo da pasividade das mesmas, esta recorrente problemática vólvese repetir na recolleita, con graves consecuencias e perdas millonarias. A estas perdas hai que engadir que nesta campaña agrícola o cereal de inverno perdeuse practicamente na súa totalidade e houbo retrasos na sementeira do de primavera, o que produciu a merma no seu rendemento, e por tanto, menores ingresos nas explotacións agrarias.
De seguir as choivas, este ano tampouco se poderá sementar o cereal de inverno, afrontándose unha gran incerteza na viabilidade das explotacións agrícolas.