domingo. 24.11.2024

Segundo as fontes consultadas por este diario, as obras de "mellora" da Travesía do Bouzo da vila limiá non se corresponden co proxecto da licitación da mesma. Tanto é así, que esta obra, dividida en dous tramos e executada parcialmente só nun deles, reuniu ós vecinos do Bouzo en acción común para requerir ó Concello a paralización das mesmas e incluso o desistimento: prefiren quedar como están a que continúen os traballos tal e como se fixeron no tramo case rematado.

Defectos de construción e inadecuación ao proxecto

As obras licitadas consistían nun ensanchamento da calzada da pista de concentración parcelaria, que pasaría de cinco a sete metros de anchura, e maila construción a ambos lados da mesma de vías peoniles de 1,80 e 1,50 metros de ancho, seguidas por unha cuneta de seguridade revestida.

A realidade, que se pode ver no tramo primeiro da pista, é ben distinta: entroques de ampliar o firme un metro a cada lado da calzada, modificaron o eixo da mesma, desprazándoo dous metros cara a liña de vivendas. Asemade, anularon a vía peonil dun dos lados da carretera e deixaron o outro de só 80 centímetros de ancho -descontanto un metro do proxectado (pasa de 1,80 metros no proxecto a 80 centímetros na execución)-.

Esto xenera tres problemáticas ben distintas: unha en canto aos dereitos dos propietarios, outra de viabilidade cara a finalidade da "mellora", e outra puramente de eficacia construtiva.

No referinte aos dereitos dos propietarios, a modificación do eixo da calzada deixa automaticamente ós peches perimetrais das vivendas nunha situación de ilegalidade pois, construídos cumprindo o Plan Xeral de Ordenación Municipal no seu momento, trala obra quedarían dentro do límite de cinco metros de obrigado retranqueo.

O tema da inadecuación das obras á súa finalidade é, polo demaís, obvia: unha vía peonil de só oitenta centímetros de ancho, na que hai contedores de 70 centímetros que obrigarán a sortealos pola calzada, non é adecuada nin suficiente. Asemade, contravindo o disposto no proxecto, non se puxo bordo de separación entre a calzada e a "beirarrúa", e incrementouse a profundidade das cunetas nuns 20 centímetros. Recordemos que unha destas cunetas vai directamente ao carón da estrada, ao suprimirse a vía peonil dun dos lados.

Tramo un da pista do Bouzo, con 80cm de vía para os peóns esen bordo | Foto: cedida

Outros defectos

Contrariamente ao disposto no proxecto de licitación da obra, non se derrubaron os accesos ás vivendas para construílos outra vez con canalización soterrada e entubada. Pola contra, segundo se pode apreciar no executado no tramo 1, as canalizacións de augas unicamente conectan as entradas que xa existían, sen canalizar adecuadamente baixo os accesos as vivendas, xa que estes non se tocaron.

Outro problema o supón o feito de modificar o posicionamento do eixo da estrada, posto que deste xeito constrúese sobre firme non preparado para o paso de vehículos -moito menos de camións- e está abocado a que se produzan afundimentos e outro tipo de danos co correr do tempo.

Reunión cos veciños

Na mañá de onte, e a requerimento dos propietarios das vivendas da pista do Bouzo -explica un dos afectados a Diario do Limia-, desprazáronse ó lugar a alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, o concelleiro de infraestructuras, Rafael Penabad, o concelleiro de obras, Ramón Gómez, e o técnico municipal, Manuel Vidal, para manter unha reunión e explicar os motivos das diferencias entre o proxectado e o executado.

Perante as preguntas dos veciños, e segundo declaracións vertidas por estes, a representación municipal aludiu, nun primeiro momento, a razóns de carácter técnico para explicar a diverxencia co proxecto. Posteriormente, e ante o rebatimento dos motivos aducidos, alegaron motivos económicos. Segundo a mesma fonte, a alcaldesa recoñeceu que se excedera o gasto no primeiro tramo da obra, e o técnico municipal, nun momento dado, aseverou que el non aprobara o desprazamento do eixo da calzada.

Con toda esa confusión de motivos e nada resolto, os veciños solicitaron a paralización da obra mentres se estudaba o asunto, ao que a Corporación municipal negouse. Tamén requeriron que, se os motivos eran realmente de gasto, se rematase o tramo 1 da obra segundo o disposto no referido proxecto e se deixase o tramo 2 sen executar, ata que se dispuxese de financiación suficiente: "O que fagan que o fagan ben", indicaba un dos veciños.

O PP esixe una Comisión Informativa 

En nota de prensa remitida aos medios, o grupo popular de Xinzo comunica que lle requeriu á alcaldía a convocatoria urxente dunha comisión informativa para que se dé cumprida resposta ás seguintes preguntas: 

- Onde se gastou a partida económica do orzamento para estes tramos? Máis de 180 mil €.

- Cál é o motivo destes trocos?

- A Xunta autoriza isto?

Ameazas dos representantes municipais

En reunión mantida polo grupo municipal popular cos residentes do Bouzo, segundo dan conta os populares no seu comunicado, os veciños relataron que tanto a alcaldesa, Elvira Lama, como varios concelleiros, emitiron "comentarios despectivos, dubidando dos estudos ou preparación da xente alí reunida, tratando de calar despectivamente as queixas."  Incluso afirman que "ata se chegou a chantaxear con ameazas de demolicións; ao máis puro estilo da Mafia Siciliana ou a Cosa Nostra".

Mediante o citado comunicado, o Partido Popular local acusa a varios membros do goberno municipal de Xinzo de Limia (alcaldesa incluída) de "engano, menosprezo e prepotencia" coa veciñanza da Travesía do Bouzo, valorando como "moi triste" o comportamento dos representantes do goberno.

Sen comunicación do gobierno municipal

Ante as declaracións vertidas polos veciños e a incendiaria nota de prensa dos populares, este medio tentou poñerse en contacto con varios membros do goberno municipal ao fin de recabar a súa versión, sen éxito ata o momento do indexamento desta publicación. Quedamos a disposición se teñen algo que engadir ou rebater.

A reforma da pista do Bouzo obrigará ós veciños a camiñar en fila india pola beirarrúa