A Casa da Cultura de Xinzo de Limia acolleu o acto de clausura da última edición do "Obradoiro de Emprego O Peregrino", que tivo unha duración de 9 meses e contou coa participación de 20 alumnas e alumnos de Xinzo e Sandiás.
O programa, impulsado grazas á colaboración entre ambos os concellos e co financiamento da Xunta de Galicia, destacou por combinar formación teórica e práctica en especialidades clave como instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, e carpintería.
No evento estiveron presentes o alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, o alcalde de Sandiás, Felipe Traveso, e a xefa territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, Marta Vázquez Guzmán, así como a directora do obradoiro, Margarita Álvarez, o persoal técnico e o alumnado.
Amador Díaz destacou no seu discurso o impacto positivo deste tipo de programas, tanto na capacitación dos participantes como no embelecemento do noso concello: "Os obradoiros de emprego son unha ferramenta imprescindible para axudar á inserción laboral das nosas veciñas e veciños, ofrecendo formación práctica que lles permitirá atopar unha saída profesional. Ao mesmo tempo, son visibles nas nosas rúas e camiños, onde o traballo realizado polos alumnos quedará como legado para o disfrute de toda a veciñanza. Desde Xinzo continuaremos apoiando estas iniciativas que benefician tanto á capital da Limia como ao conxunto da comarca".
Entre as actuacións desenvolvidas, cabe destacar os traballos de acondicionamento no Camiño de Santiago e a recuperación de espazos verdes, sempre coa calidade e compromiso que caracteriza a este obradoiro. Ademais, a formación incluiu visitas a empresas locais, ofrecendo unha visión práctica e real do mercado laboral, e que facilitará a moitas das persoas participantes un futuro no sector privado grazas ás competencias adquiridas.
O acto de peche serviu tamén para anunciar a continuidade deste proxecto, coa posta en marcha dun novo obradoiro que dará comezo xa no mes de decembro, reafirmando o compromiso de Xinzo como cabeceira comarcal no impulso ao emprego e á formación de calidade.