martes. 03.12.2024

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) levará a cabo a campaña especial de doazón de sangue "Somos Olímpicos" o venres 12 e o sábado 13 de xullo en Xinzo de Limia. Esta iniciativa pretende sensibilizar á cidadanía galega sobre a importancia do xesto solidario da doazón de sangue durante os meses de verán.

No pasado ano 2023, Xinzo de Limia foi o municipio con maior taxa de doazón da provincia de Ourense, con 525 doazóns, acadando un índice de 55 doazóns por cada 1.000 habitantes. ADOS quere trasladar o seu recoñecemento aos veciños e veciñas deste concello polo seu altruísmo e solidariedade.

Unha unidade móbil de ADOS estará estacionada diante do Concello de Xinzo de Limia nos seguintes horarios:

  • Venres, 12 de xullo: das 10:00 ás 14:00 horas e das 16:00 ás 21:00 horas.
  • Sábado, 13 de xullo: das 10:00 ás 15:00 horas.

Ademais, o venres, ao carón da unidade móbil, disporase unha montaxe alusiva aos Xogos Olímpicos e todos os doantes recibirán unha camiseta co lema da campaña como agasallo.

Unidade móbil de ADOS.
Unidade móbil de ADOS.

 

Esta campaña desenvolverase en 23 concellos galegos e é especialmente importante durante o verán, período no que se fai máis difícil manter un volume de doazóns estable debido á deslocalización dos doantes habituais por mor das vacacións. ADOS lembra que, diariamente, son precisas entre 400 e 500 doazóns de sangue para o mantemento do labor asistencial dos hospitais galegos. Nos meses estivais, é necesario reforzar o chamamento á solidariedade.

 

 

Concello solidario

 

ADOS tamén agradece á corporación municipal o seu apoio constante ás iniciativas destinadas a promover a doazón de sangue, tanto nesta campaña especial "Somos Olímpicos" como no resto de visitas das unidades móbiles ao longo do ano.

Ángeles Martínez, concelleira de Servizo Sociais xunto a un dos membros de ADOS.
Ángeles Martínez, concelleira de Servizo Sociais xunto a un dos membros de ADOS.


 

Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, das redes sociais e do teléfono gratuíto de información 900 100 828, onde se poden resolver dúbidas relacionadas coa doazón de sangue ou coñecer as datas dos desprazamentos das unidades móbiles.

Xinzo de Limia liderou a taxa de doazóns na provincia no 2023