domingo. 24.11.2024

As chuvias de xullo minguaron un pouco o problema da auga na Limia, di Samuel Formoso, gandeiro e responsábel político en Vilar de Barrio, este martes diante da Subdelegación do Goberno de España en Ourense no remate da manifestación do sector primario da Limia en protesta pola suba de prezos, pola venda a perdas, pola inacción das Administracións públicas estatal e autonómica. “Somos moi pouquiña xente hoxe aquí para o que nos estamos xogando. O momento é súper complicado. Estannos anunciando que van subir aínda máis o carburante. Consúmese menos e estamos tendo problemas para quitar becerros. E iso que estamos no verán, que se supón que o turismo tira... mais non sei que vai pasar en setembro, cando baixe a demanda e os custes sigan subindo”


“Non sei se estamos diante dun cambio de modelo ou se as autoridades políticas non vén o problema e non promoven outro tipo de agricultura... Quizá non podemos esperar aumentar os ingresos e habería que incidir en reducir custes”, reflexiona Samuel Formoso.


Pasaron tres meses desde a gran mobilización do 25 de marzo en Xinzo e hoxe e este martes en Ourense a manifestación dos agricultores e gandeiros reúne a dous centos de persoas. Hai produtores, familias, xente moza e algún político. Menos que en marzo en Xinzo. O goberno municipal de Xinzo está representado pola alcaldesa, Elvira Lama, e polo concelleiro de Urbanismo, Ramón Gómez. Pero esta vez faltan os alcaldes doutros concellos da comarca. Entre os parlamentarios, só un, o nacionalista Iago Tabarés. 


A marcha empeza no edificio da Delegación Territorial da Xunta en Ourense. Non se ven representantes da Administración galega. Nin do partido no goberno. Están os gandeiros, están os agricultores, están os sindicalistas. “O esforzo que se fixo para convocar á xente foi moito, pero estamos nunha época complicada, e hai que estar nas explotacións”, di Xosé Manuel Nieto, da Federación Rural Galega (FRUGA), unha das organizacións que chamaron á mobilización. E fai un repaso rápido da relación de problemas que afectan ao sector primario: a suba dos prezos do carburante e da enerxía, o incumprimento da Lei da Cadea Alimentaria (venda a perdas), a suba dos fitosanitarios, dos plásticos... “Moitos produtores xa non dan chegado a fin de mes, a situación é moi triste”


Os líderes de Unións Agrarias, de ADEGAL, do Sindicato Labrego Galego, da Asociación de Produtores de Pataca atenden aos medios. É xullo e as noticias escasean, así que unha manifestación como esta entra no foco informativo do día. Mañá (hoxe mércores) xa será unha anécdota. Pero comer hai que comer todos os días. Iso di Amador Díaz no seu discurso diante da Subdelegación, coa Policía Nacional na porta. Do balcón principal pende unha pancarta que anuncia a semana do “Goberno aberto”. O subdelegado e responsábeis dos partidos no Goberno tampouco se deixan ver. A realidade é esa, un edificio aberto ao público sen ninguén dentro e a Policía na porta. Contra iso resoa o eco do discurso do líder dos agricultores limiaos: “Dixemos que viriamos a Ourense e non puidemos traer os tractores porque o gasóleo está como está, pero se fai falta levaremos 300 tractores a Compostela. Só queremos poder vivir do noso traballo”


A veciñanza da cidade (nunha cidade como Ourense) pasea indiferente ante a alerta que vén do campo. A manifestación é unha anécdota, indiferentes tamén os políticos. A alcaldesa, Elvira Lama, acompaña a marcha conversando co líder de Unións Agrarias. “Estou aquí para apoiar as reivindicacións e vexo aos produtores co ánimo alto para seguir reivindicando o que é xusto, que se cumpra a Lei da Cadea Alimentaria, por exemplo”, di a alcaldesa. Ramón Gómez, o concelleiro, que acompaña a veciños, pensa que desde o goberno local se pode “dar apoio” e avanza que “algo diso intentaremos facer” no próximo pleno. Hoxe, nas comisións previas, a corporación debaterá algún tipo de pronunciamento.  

“Se isto non se amaña, caña, caña, caña!/ Se isto non se arreghla, gherra, gherra, gherra!”, berran uns poucos diante da Subdelegación do Goberno antes de que dúas mozas lean un manifesto.

“Apostamos pola soberanía alimentar, polo respecto da Lei da Cadea Alimentaria, por uns prezos xustos para os produtos. Temos que entender que o que significa depender das exportacións. Hai que protexer o noso sector primario”, di Iago Tabarés, deputado do BNG en Compostela. Tabarés camiña acompañado por militancia nacionalista. Os tractores que abren e pechan a marcha levan bandeiras galegas e españolas. O tractor é o tótem da Limia. Amador Díaz, que en marzo abriu a manifestación, este martes garda as costas aos manifestantes que baixan pola avenida da Habana cara o Parque de San Lázaro. A Limia fai forza en Ourense, nunha cidade como Ourense, que ten os pés no campo mais a cabeza moi lonxe... A indiferenza da cidade, co seus palacios baleiros gardados por policías. É xullo, e o poder só son símbolos. Mañá (hoxe) a noticia será unha anécdota en medio das vacacións.


“Que como estamos a respecto de marzo? Pois estamos peor. O prezo do gasóleo non parou de subir e agora por riba veñen con problemas administrativos para as axudas da PAC”, láiase Amador Saborido, agricultor e presidente dos regantes de Corno do Monte. “As cousas están peor, si”, coincide Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, que volveu apoiar á Limia, como fixera en marzo. “As cousas están peor porque insumos que son básicos para a Limia, como o combustíbel, segue a subir. E a perspectiva é que os prezos da produción continúen baixando. É algo inaudito. O que se lle paga aos produtores baixa e o que paga o consumidor sobe. As cousas están peor tamén pola inacción das Administracións Públicas... pasaron tres meses e non se puxeron medidas reais para axudar aos produtores”.

“Non sei se estamos diante dun cambio de modelo ou se as autoridades políticas non vén o problema e non promoven outro tipo de agricultura... Quizá non podemos esperar aumentar os ingresos e habería que incidir en reducir custes”, reflexiona Samuel Formoso.

“O que se lle paga aos produtores baixa e o que paga o consumidor sobe. As cousas están peor tamén pola inacción das Administracións Públicas” (Isabel Vilalba).

“Se isto non se amaña, caña, caña, caña!/ Se isto non se arreghla, gherra, gherra, gherra!”, berran uns poucos diante da Subdelegación do Goberno antes de que dúas mozas lean un manifesto. É a unha da tarde dun martes de xullo en Ourense e, rematada a protesta, os produtores da Limia volven ao autobús que os trouxo desde Xinzo. A policía desaparece no palacio baleiro. A inconsciencia do verán xa reina nas rúas de Ourense. O verán non é tempo para asaltar palacio ningún. Os tractores regresan nun camión para Xinzo. 

NOTICIAS A LIMIA | Manifestación fronte ao palacio baleiro