jueves. 21.11.2024

“Esta Terra que coñece tan ben as agresións, as feridas e as cicatrices que deixan diferentes actuacións históricas e actuais sobre as persoas e o medio natural; debe recoñecer o valor do traballo, tanto de  persoas como grupos que están aí, defendendo o territorio, póndoo en valor, dando alternativas, subliñando que a mellor defensa da vida das persoas e manter en bo estado o medio no que se vive”, reflexiona o Consello Asesor do Museo da Limia na acta da reunión extraordinaria que celebrou onte e na que decidiu distinguir co Premio Pedra Alta 2022 á Sociedade Galega de Historia Natural, sección Antela.


“É una obriga manter un medio san e unha convivencia co entorno non agresiva. Valorar aquelas persoas, grupos ou entidades que son capaces de deseñar modelos compatibles co ambiente, e a súa vez respectar o desenvolvemento económico da comarca, eminentemente agrario e gandeiro é un dos obxectivos do Padroado do Museo da Limia”, incide o texto.


E lembra que a Sociedade Galega de Historia Natural, sección Antela “non é unha entidade nova, na súa historia, temos a creación inicial de O Grupo Ornitolóxico Galego que se constitúe como asociación legal no 1973, é o xerme da  SGHN con data de 7 de xuño de 1977”. Como sinalan os estatutos, a SGHN ten como fins de actuación “o estudo, defensa e conservación do medio natural e patrimonial antropolóxico da natureza galega e do noroeste Peninsular”, como contribución á conservación deste patrimonio a nivel mundial. 


“Son once anos de intenso traballo na Limia, dun traballo arduo, sacrificado; no que non se busca un recoñecemento persoal, onde hai dedicación altruísta, voluntariado, con emprego das horas de descanso, do seu tempo libre ou das súas vacacións. As veces con custes económicos persoais importantes”, di a acta para xustificar os méritos da institución premiada. 


E engade: “Son persoas, homes e mulleres, que a súa satisfacción é ver resultados: hábitats recuperados, natureza viva, conservación de especies no límite da súa supervivencia, conseguir facer compatible sectores económicos fundamentais da comarca con un  medio natural equilibrado”. 

Reunión do Consello Asesor do Museo da Limia, onte
Reunión do Consello Asesor do Museo da Limia, onte.

A entrega do galardón, unha réplica en granito da Pedra Alta (achega altruísta do escultor Xosé Lois Carreira) acompañada dun diploma acreditativo, deseñado por Manolo Seoane e Lola Peláez, terá lugar nun acto público solemne que se celebrará no Museo da Limia (Vilar de Santos), o vindeiro sábado día 26 de novembro.

NOTICIAS A LIMIA | A Sociedade Galega de Historia Natural, distinguida co Premio Pedra...