A Festa do Boi regresa dous anos despois. A primeira saída desta nova década celebrarase o sábado 11 de xuño ás 20:30 horas. Nos días seguintes están programadas once saídas máis. A semana grande alaricana, a primeira gran festa do verán en Ourense, arrancará o segundo fin de semana de xuño cunha exposición de xugadas mansas na Barreira e a procesión da Xan de Arzúa o domingo 12, ás 12:00 horas.
Haberá saídas do boi o domingo 12 e o luns 13 (ambas ás 21:00 horas); o martes 14 serán ás 08:00 e ás 21:00; o mércores 15, ás 08:00 horas; o xoves 16, ás 20:30; o venres 17 volverán ser dúas: ás 13:30 e ás 21:00 horas. A fin de semana de peche, o boi será protagonista o sábado ás 13:30 e ás 20:30; e o domingo, ás 19:30 horas.
Alén do reclamo principal da festa, en Allariz haberá animación desde o primeiro sábado, coa recreación do Trato dos Bois en Roimelo e a Baixada dos bois até a Barreira. Ese día pola tarde terá lugar o Saúdo do Corrixidor de Honra e a Entrega do sedeño.
O primeiro domingo, ademais da procesión, haberá un Xantar medieval e un Concurso de trobadores. Durante a semana, o martes e o mércores as actividades estarán dirixidas ás nenas e aos nenos. O xoves celebrase unha cea veciñal na Barreira, con verbena.
A última fin de semana arrancará o venres co Encontro de Gremios no Castelo e a Colga da Bandeira no Concello. O sábado haberá un encontro de charangas e o domingo a Despedida de Xan de Arzúa terá lugar ás 20:15 horas.
Desde o mes pasado a Asociación Cultural Xan de Arzúa está a procura de voluntarias e voluntarios para botar unha man na organización.