jueves. 21.11.2024

A Feira de Xinzo de Limia non volverá á praza Maior nin á praza de San Roque, nin tampouco ás rúas Toural e Ladeira. A Feira seguirá nos espazos nos que se situou despois da pandemia. Esa é a decisión do goberno municipal, segundo informou esta mañá ao Diario do Limia o concelleiro de Comercio, Manuel Pérez Campos.


Na véspera da segunda feira do verán, a deste xoves 14 de xullo, e despois de participar no acto de fin de curso do Obradoiro de Emprego Vía da Prata, Pérez Campos explicou que, visto o informe da Policía Local a respecto da posibilidade de recuperar algunhas prazas e rúas para o mercado, convocouse unha reunión con feirantes e comerciantes este luns, 11 de xuño. Á reunión, celebrada na Casa do Concello, apenas acudiron uns poucos comerciantes e ningún feirante, explicou o concelleiro.


A decisión do goberno municipal que preside Elvira Lama (PSOE) é manter a feira nos lugares nos que está, e abrir a posibilidade de que feirantes que o soliciten poidan instalar os seus postos na praza de San Roque e nunha beirarrúa (non nas dúas, como acontecía antes da pandemia) da rúa Toural até o cruzamento coa rúa Dous de Maio. “Estamos a falar de seis ou sete postos en total. Terán que solicitalo e permitirase que se coloquen neses lugares. Pero non máis”, indicou o concelleiro de Comercio.


Non hai solicitudes polo momento, advertiu Pérez Campos. Tampouco ten previsto o goberno a posibilidade de recuperar outros espazos mentres non se concreten solicitudes de traslado de postos. O concelleiro opina que “a maioría dos feirantes están cómodos nas rúas nas que quedou a feira despois da pandemia”. E engade: “Se hai algúns que desexan cambiarse, terán que comunicalo, pero o que non imos facer é un cambio masivo porque queremos evitar as aglomeracións que se daban antes”. 


A posibilidade de recuperar as prazas e parte das rúas que se deixaron de utilizar despois da pandemia púxose sobre a mesa durante reunión entre que unha representación de comerciantes, hostaleiros e feirantes e á alcaldesa Elvira Lama, acompañada polo responsábel de Comercio, Manuel Pérez, e os edís socialistas Alberto Martínez e Rafael Penabad, o pasado 11 de maio na Casa do Concello.


O goberno local encargou un informe á Policía Local como primeiro paso antes de pensar en devolver a feira a eses espazos. O informe demorouse até xuño. E mes e medio despois daquela primeira reunión na que o compromiso municipal foi resolver a cuestión antes do verán, o Diario do Limia volveu preguntar o concelleiro de Comercio, que o 25 de xuño avanzou:“Calquera solución para a Feira non se levará a efecto antes da Feira do 27 de xullo... como moi pronto”.

AVANCE | O goberno de Xinzo decide que a Feira non se moverá