jueves. 21.11.2024

O Goberno local do Concello de Xinzo tratou hoxe durante o pleno celebrado ao mediodía no Salón de Actos da Casa Consistorial a proposición de declarar Xinzo coma municipio turístico -entre outros asuntos a tratar na convocatoria- . Unha iniciativa que tiña coma obxectivo principal o potenciamento e promoción da vila máis alá do atractivo do entroido.

Antonio Fernández Veiga, membro da oposición, interviu na sesión para mostrar a súa opinión contraria á proposta. Nela estableceu que "votar a favor é coma se creramos un pouquiño nos Reis Magos", explicando que o concello carece de diversas características coma para poder solicitar tal petición.

O político rematou a súa quenda de palabra alegando que no caso de que se cumprira a proposta sería de gran entusiasmo e alegría, "ojalá teñamos que aplaudir se conseguimos a declaración de municipio de interés turístico porque nós estaríamos encantados (...) pero temos que entender que a día de hoxe os Reis Magos non existen e ojalá viñeran" . Con isto, o Partido Popular decidiu absterse nesa votación.

A alcaldesa, Elvira Lama, respondeu á oposición defendendo a riqueza coa que conta a vila "o noso concello ten un patrimonio importantísimo a nivel cultural, natural e arquitectónico", e resaltou a declaración de interese turístico internacional da que goza o territorio por mor do entroido, unha distinción que só teñen en Cádiz e Tenerife. A política rematou o seu discurso recordando que a proposta podería axudar a aumentar a cifra de visitantes e turistas, o que beneficiaría a economía de Xinzo.

NOTICIAS A LIMIA | O PP non ve a Xinzo coma municipio de interese turístico