sábado. 23.11.2024

As cifras de novos contaxios e a redución nos días de corentena parecen estar mantendo a incidencia da sexta onda da covid-19 en equilibrio nos últimos días. A curva modérase desde finais da semana pasada, con incrementos máis leves ou lixeiras baixadas. En calquera caso, na comarca hai rexistrados este luns 529 contaxios. Son 55 máis que o luns da semana pasada (día 10). O virus segue en expansión.

No caso do concello de Xinzo, a cifra deste luns volve caer de forma notábel: 33 anotacións menos que o venres. Un total de 338 casos activos, e once menos que hai unha semana. No resto de concellos, Rairiz, Sandiás e Vilar de Barrio experimentaron aumentos durante a fin de semana. Sandiás está en máximos (34 casos), o mesmo que Rairiz (26) e Vilar de Barrio (14).

Así están os rexistros
BALTAR  (variación -1)  16 (activos)
OS BLANCOS  (-1)  13
CALVOS DE RANDÍN +1)  4
PORQUEIRA  (=)  20
RAIRIZ DE VEIGA (+4)  26
SANDIÁS (+3)  34
SARREAUS (-4)  23
TRASMIRAS  (+2) 18
VILAR DE BARRIO (+6)  14
VILAR DE SANTOS  (+1)  19
XINZO DE LIMIA  (-33)  338

Hoxe realizarase o cuarto cribado con test antíxenos na Casa do Concello de Xinzo. O SERGAS ten programados dous máis (mércores e venres) para esta semana. Na queda do luns, as prazas para Xinzo, Allariz e O Carballiño (200 en cada caso) completáronse xa durante a fin de semana.

Nos test de antíxenos realizados durante a fin de semana nos tres centros hospitalarios da provincia foron detectados 171 casos positivos. Isto representa un 12,7% do total das 1.336 analíticas que se fixeron, segundo informa o SERGAS.

CORONAVIRUS NA LIMIA | Baixa o número de casos activos, Xinzo reduce un 8% os rexistros...