As pancartas seguen hoxe na praza e na rúa San Roque. O comercio da zona arrancou a semana cunha protesta que tivo eco na vila. Mesmo tivo algún respaldo político (do PP). O goberno local decidíu esperar até este martes para responder.
En conversa telefónica co Diario do Limia, o concelleiro de Mobilidade, Ramón Gómez, foi rotundo: “A curto e a medio prazo non hai proxecto de peonalización”, dixo. “Nin proxecto nin bosquexo, de momento... Iso tampouco quere dicir, que co tempo… O mandato está terminando e a día de hoxe, nada”.
A alerta saltou o venres pasado. Nunha rolda de prensa para presentar unha campaña de seguridade viaria, a alcaldesa dixo que o goberno local tiña intención de “eliminar o estacionamento” no casco vello. Os comerciantes tamén lembran unha reunión o ano pasado coa alcaldesa e co responsábel de Comercio, Manuel Pérez, no que se falou de “peonalización” da zona.
“Isto é buscar unha polémica onde non hai nada”, insiste Ramón Gómez. “Non sei quen lles puido dicir que se ía actuar dese xeito na rúa San Roque. Eu son o concelleiro de Mobilidade e non sei de onde partiu ese rumor. Ninguén no grupo de goberno fixo declaración ningunha nese sentido. E se son declaracións que se fixeron hai un ano, pois non entendo que apareza agora esa reivindicación”.
“Tampouco entendo que antes de facer ese despregue de pancartas, algunhas colocadas nunha praza pública sen permiso, que deberían ter falado co grupo de goberno. Co responsábel da área ou coa alcaldesa ou cos dous ao mesmo tempo”, manifesta o concelleiro, que fai parte do goberno como membro dos independentes de AXIL.
Na praza San Roque continuaban hoxe as pancartas e ademais había obras. Uns operarios reparaban o firme a primeira hora, cando empezan a abrir os negocios. Despois da feira do luns, a cousa parece máis calmada. Os comerciantes están á expectativa dos efectos que poida producir a súa reivindicación. Non queren que se peonalicen estas rúas.
“Non vou entrar a valorar se a posíbel peonalización ía ir en contra dos intereses dos comerciantes, porque polo que leo ou vexo cando viaxo, hai zonas peonís en todas partes, e, curiosamente, é onde máis comercio e restauración hai”, reflexiona Ramón Gómez. “Ademais, son os intereses dos comerciantes, pero tamén son os dos veciños da zona, e todos os do concello, ou poden ser os intereses dos visitantes”.
Gómez sostén que este goberno ten mostrado un talante dialogado e vai resolvendo conflitos: “Noutras actuacións sempre me sentei a falar cos veciños e residentes. Topeime con lumes moi antigos aínda prendidos e van concluíndo ben. Non hai nada para resolver un conflito como sentarse e dialogar. Consensuar e achegar na medida do posíbel”.
Ademais, son os intereses dos comerciantes, pero tamén son os dos veciños da zona, e todos os do concello, ou poden ser os intereses dos visitantes”
Porén, interpelado por si esa vai ser a vía tamén neste caso, o concelleiro matiza: “Non imos a facer nada. En todo caso, serán os comerciantes, como calquera outro veciño... cando queren algo, veñen por aquí”. E de inmediato recupera un ton máis conciliador: “No momento en que se decida facer algo, teremos en conta a todos os afectados”.
Gómez reitera: “Proxecto non hai ningún. Ideas pode haber. Pero enriba da mesa non hai nada”, e conclúe: “Pódense facer até enquisas a ver o que quere a xente. Non sei se se vai acometer algún día, pero o normal será sentarse, falar, consensuar...”