martes. 03.12.2024

A feira deste luns 14 en Xinzo amañeceu cunha protesta do comercio da rúa San Roque. Cinco pancartas e catro lemas: 'Non queremos flores, queremos clientes'; 'Máis axudas e menos pedras no camiño'; 'Rúa peonil, peche dos comercios'; e 'San Roque non se pecha'.

“Vímolas pola mañá, ao abrir a tenda”, di María del Carmen, de Comercial Rivero, que leva máis de 50 anos na San Roque. “O comercio vai a menos, hai menos xente, notámolo máis desde que pechou o Eroski [uns metros máis abaixo, na praza San Roque]”. E conta como as súas clientas necesitan as veces de axuda para levar paquetes da tenda até o coche. “Aínda que só fose por iso, deberíase manter a rúa como está”.

Case diante da tenda de María del Carmen, na reloxería Rosper, Miguel Ángel, subliña que non se trata só da San Roque e do casco vello, que o problema é que “todo Xinzo vai a menos, empezou coa crise do 2008 e segue indo a peor”. El pensa que a peonalización, de levarse a cabo, sería finalmente aceptada, “como pasou en Ourense coa rúa do Paseo”. Pero entende o enfado do comercio. “Non se conta para nada connosco”. E engade: “a este negocio non nos vai afectar, estamos en liquidación e pecharemos pronto”.

Mentres no Toural, uns metros máis adiante, se celebra a feira. Comerciantes e clientes da San Roque buscan as razóns do declive da que foi unha rúa comercial de sempre. Uns atopan o inicio no traslado da feira hai tres anos. Outros, cando o peche dun gran supermercado na praza. Hai quen se remonta ás limitacións ao tráfico hai xa máis dunha década.

Na praza, no bar El rincón de Ely, a propietaria, Elizabeth, conta que abriu hai apenas uns meses e que ve que a clientela “chega, aparca e toma o café”. Non coñece os plans do goberno local e explica que soubo por algunhas clientas da idea de eliminar os aparcadoiros. Esa idea, segundo explicou a alcaldesa Elvira Lama o pasado venres, está sobre a mesa. “Antes de facer nada, polo menos deberían escoitarnos”.

A xente pasa. Mira as pancartas e mantén breves conversas en grupos de coñecidos. Hai que ofrece apoio incondicional. “Eu, co que pidades as comerciantes!”, manifesta unha muller que pasa cun carriño.

María José, da tenda Yeyadas, lembra que o ano pasado houbo unha reunión na Casa do Concello coa alcaldesa e co concelleiro de comercio, Manuel Pérez, despois de que o goberno municipal pechase o acceso por unhas obras no firme. “Fomos queixarnos diso e acabou saíndo o asunto da peonalización. Nese momento empezamos a temer que calquera mañá ímonos levantar coa rúa fechada, como aconteceu con ese sinal que limita o tempo de estacionamento: apareceu dun día para outro”.

A rúa San Roque, a media mañá este luns de feira en Xinzo.

Naquela reunión houbo quen marcharon antes do final. Por enfado. “Algúns din que non hai nada que facer; outras pensamos que temos dereito a que se nos escoite e iso é o que queremos”, comenta Carmen, de Candy Store, que leva sete anos na San Roque e este luns únese ao debate. “Non sabemos nada, lemos cousas nas noticias, pero non sabemos que rúas, de que se trata, de si quitar aparcadoiros ou prohibir o tránsito de coches... Que nos expliquen, por favor”.

Mary, de La tienda de Mary, apunta: “Levo 28 anos aquí e isto empezou a ir para abaixo cando quitaron a feira da praza Maior e desta rúa. Se baleiran ás rúas, o seguinte que vai quedar baleiro serán os negocios. O que quedarán serán os bolardos. “Non é o momento. Pero hai medo de que se tome unha decisión sen contar connosco e despois non haxa marcha atrás”, insiste Carmen. “Cando limitaron os horarios de acceso a esta zona, houbo negociación. Houbo queixas e obrigaron ao goberno local a se sentar. Nós queremos que a rúa continúe como está. Teñen que nos escoitar, temos que falar”, conclúe María José.

Algúns din que non hai nada que facer; outras pensamos que temos dereito a que se nos escoite e iso é o que queremos” di unha comerciante.

Hai quen fala, pero prefire que o seu nome non apareza. Tamén existe ese medo. En dous negocios dos máis antigos din case o mesmo: “Estou de acordo na protesta. Hai que repensar isto”. Nun deles, indican: “A nós, polo tipo de comercio, igual non nos afecta demasiado, pero estaremos coa maioría, e se a maioría di que a cousa se manteña como está, pois apoiaremos esa decisión”.

ProLimia: “Non chamaron, non deben necesitar axuda”

Concha Conde, presidenta de ProLimia, a asociación de comerciantes, di que na organización non teñen “nin idea” do problema na rúa San Roque. Tamén di que non saben “nada” de plan ningún do goberno municipal para peonalizar o casco vello. “Eses comerciantes non chamaron a ProLimia, o cal indica que non deben necesitar axuda nosa. Considerámolo unha cuestión privada, entre eles e o Concello de Xinzo”. Interpelada por se desde a asociación van facer algunha xestión unha vez que o malestar é público, Concha Conde responde: “Nós non os imos chamar. Se necesitan o apoio, que o pidan”.

Pancarta na praza de San Roque, hoxe.

Hostaleiros: pechar o tráfico sería acabar coa San Roque

A Alberto Rúa, presidente dos hostaleiros, a protesta desta mañá colleuno de sorpresa. “Non temos noticia do que quere facer o goberno municipal. Escoitei que se quere prohibir o estacionamento. Pero na asociación de hostaleiros non sabemos máis”. O seu bar está na confluencia da rúa Lepanto coa San Roque. Por alí pasan os coches. “Entendo que pechar ao tráfico de vehículos en horario comercial sería acabar coa rúa San Roque despois de ter levado a feira para O Toural”. E enfatiza: “Na miña opinión particular, era ben que mirasen polos coches mal aparcados e avisar de que os movan ou mesmo multalos. Mais pechar en horario de comercio paréceme exaxerado”.

Na área da praza Maior hai menos comercio que hostalaría, pero tamén están quen se senten afectados. Un deles, que prefire comentar sen expoñer o seu negocio, exprésase de maneira moi pesimista: “Se pechan o tráfico claro que nos prexudica. Pero hano facer. Algúns comerciantes moveranse, pero outros non. E se queren facelo, farano”

Estacionamento esta mañá na rúa Lepanto, en Xinzo.

O PP pide un consenso; o goberno municipal falará mañá

“Falta transparencia do labor de goberno. Non se informa de nada á oposición. Por iso levantámonos un luns con cousas como esta. Non se entende que non se fale. Haberá veciñas a favor e outras en contra. Pero o goberno local está obrigado a buscar un consenso”, afirma Antonio Fernández, portavoz municipal do PP.

Os populares, en principio favorábeis á peonalización, critica que se “teñan ideas unilaterais” e reclaman a Elvira Lama que antes de humanizar, “se sente cos veciños e fale, nesta rúa como en calquera outra”.

Preguntado ao mediodía desde o Diario do Limia, o goberno municipal manifestou que non fará valoracións a respecto da protesta pública dos comerciantes da rúa San Roque até mañá martes.

NOTICIAS A LIMIA | “San Roque non se pecha”, malestar do comercio contra a peonalización