jueves. 21.11.2024

O primeiro pleno do 2022 foi unha sesión curta, como un bocexo. A corporación despachou os asuntos do día nunha sesión rápida, 20 minutos. Unanimidade en todos os puntos. Con Montse Lama, ex PP, ex C’s, participando a través dunha pantalla, cada vez máis lonxe da política (local).  


Foi un pleno rutinario, calmado e con boas maneiras a 14 meses das municipais. Os tambores electorais empezarán a soar pronto. Con moitas incógnitas aínda por despexar. Unha, pode que a menos importante, o futuro de Montse Lama. 


En menos de cinco minutos quedaron aprobadas a prórroga do contrato coa central de contratacións da Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias) para o subministro eléctrico, o convenio co Concello de Sandiás para pavimentar o Camiño das Aforadas, e a adaptación da ordenanza municipal á suba da taxa sobre as plusvalías dos predios urbanos.


Despois foron aprobadas as declaracións institucionais sobre igualdade, con motivo do 8M, e outra de apoio ao pobo ucraíno e condena da “agresión rusa”. Era o trámite que faltaba por completar con estes dous documentos que foron lidos nos días anteriores pola alcaldesa: o martes na praza Maior, e onte diante da Casa do Concello.


A respecto do conflito bélico en Europa, nunha intervención breve, Montse Lama dixo que lle parece “marabilloso ver esa humanidade que realmente nos ten que mover a todas as persoas que conformamos este mundo”, en referencia as mostras de solidariedade destes últimos días.


Non houbo debate porque catro mocións que presentaba o PP non pasaron o filtro da última comisión. De tal xeito que ficaron fóra do pleno cuestións que, en teoría, lle preocupan a unha parte ampla da poboación de Xinzo, á que representa o PP. 


No punto de rogos e preguntas, a alcaldesa respondeu ás interpelacións do PP na sesión anterior. Dixo que a comisión de seguimento da RPT (Relación de Postos de Traballo) se constituirá “no seu día”; que a limpeza de rúas e parcelas no Barrio de Abaixo xa se fixo; e que a reparación das fochancas no aparcadoiro de terra na rúa Curros Enríquez tamén se acometeu.

Antonio Fernández, portavoz do PP, no pleno municipal de Xinzo. 10.04.22 (2)
Antonio Fernández, portavoz do PP, hoxe no pleno municipal de Xinzo. 

Finalmente, a alcaldesa contestou tamén a algunha das preguntas que os populares levaron á sesión de hoxe. Tomou nota da petición do PP para que se estableza algún mecanismo de aviso a todos os membros da corporación no caso de falecemento dalgún familiar de calquera traballador municipal e concelleiras ou concelleiros. Desculpouse polo erro de que os populares non recibiran toda a documentación que solicitaron sobre a débeda do Concello. Explicou que o cambio das luminarias esta en fase de presentación de ofertas, e que o reloxo do Entroido estaba avariado e que por iso non se puido utilizar. E quedou que no próximo pleno daría conta do custe da pantalla que substituíu ao reloxo.


Tamén quedaron pendentes de resposta para o próximo pleno as cuestións relativas ás razóns de por que a alcaldesa non participou na sinatura en Compostela do futuro Plan de Saúde, e ao mal estado dos pasos de peóns e da rotonda no cruzamento da avenida de Ourense coa de Celanova.


Antes das dez, o trámite plenario quedou listo. O Salón de Plenos espera sesións máis animadas.

NOTICIAS A LIMIA | Un pleno que dura un bocexo