jueves. 21.11.2024

Catro das mocións que o grupo municipal do PP rexistrou entre o 20 de xaneiro e o 11 de febreiro pasados para o seu debate no pleno ordinario que reunirá mañá á corporación de Xinzo de Limia non superaron o trámite da comisión e, por decisión da maioría, non serán debatidas nesta sesión.


Na orde do día, figuran as mocións conxuntas con motivo do Día Internacional da Muller e outra de apoio das entidades locais galegas ao pobo ucraíno. A declaración sobre o 8M, iniciativa do PP, segundo lembra o seu portavoz, Antonio Fernández, foi consensuada. A outra declaración institucional fai parte da campaña impulsada desde as federacións galega e estatal de municipios, cuxo manifesto leu este mércores a alcaldesa.


Deste xeito, o pleno arrancará coa ratificación dos convenios para o subministro de electricidade coa central de contratación da Fegamp, e co Concello de Sandiás para a pavimentación do Camiño das Aforadas. Despois acordarase a modificación da ordenanza do imposto catastral para adaptala a nova normativa.


A continuación, presentaranse as mocións relativas ao 8M e á guerra en Ucraína. O goberno tamén dará conta da liquidación dos orzamentos do ano 2021. 


Fóra quedarán a iniciativa do PP que instaba ao goberno municipal a dotar de "medios e ferramentas suficientes e idóneas" á Policía Local para retirar vehículos estacionados que dificulten o acceso aos garaxes; así como outra que reclamaba "un plan estatal contra a exclusión financeira".


Tampouco serán tratadas a proposta do PP para exixir a "rectificación inmediata das declaracións do Ministro de Consumo e o seu cesamento polos reiterados ataques" ao sector cárnico, e que foi rexistrada o 20 de xaneiro; nin a rexistrada o día 11 de febreiro solicitando que se "habilite o punto de información na entrada do concello, tal e como había en anos anteriores para dar cumprida información ós usuarios e atender tamén as chamadas telefónicas".

NOTICIAS A LIMIA | Catro das mocións que presentou o PP non chegan ao pleno municipal...