"Non temos nin idea de cantas pezas seremos quen de deixar feitas esta tarde", di Carlos , presidente da Asociación da Pantalla, que onte se dedicou a cargar os carros (o grande e o pequeno) coas olas para o Domingo Oleiro e hoxe traballou na elaboración dos fachos para o Meco de mañá. Os fachóns deste ano fixéronse coa palla que quedou no palleiro de hai dous anos. "Non utilizamos toda, e mira, agora veunos ben".
Non sabían a media tarde cantos fachóns serían quen de preparar porque nos sabían canta xente moverán este ano. "Noutros anos, entre quince e vinte persoas... nunca faltan fachóns", di Carlos, que leva seis anos participando dos preparativos da fin de semana máis tradicional do Entroido de Xinzo.
Tiñan pensado botar tres horas este venres. O traballo non consiste só en facer as teas que arderán mañá pola tarde. Tamén sacaron o Meco do Museo para escondelo, e prepararon as corozas e o carro, o Home da Bota, o Home do Corno, o Home da Aguillada e outras personaxes entroideiras, a vaca (ou touro)... "Xuntaremos unhas 14 ou 15 corozas".
Os fachóns deste ano fixéronse coa palla que quedou no palleiro de hai dous anos.
A procesión sairá da praza de Oriente entre lusco e fusco e o Meco presidirá desde este sábado o Entroido de Xinzo na praza Maior. "A procesión do Meco segue medrando. Cada ano hai máis xente. O Meco é a figura máis importante do Entroido despois das pantallas", di Carlos.
Tamén sacaron o Meco do Museo para escondelo, e prepararon as corozas e o carro, o Home da Bota, o Home do Corno, o Home da Aguillada e outras personaxes entroideiras, a vaca (ou touro)...
Para o presidente da Asociación da Pantalla, "poder colgalo Meco despois de dous anos de pandemia é unha alegría tremenda". Espera, di, "espantar estes males co lume dos fachóns". O Colgamento do Meco volve ser unha tradición consolidada, e o boneco presidirá o Entroido até o Mércores de Cinza. Mañá, despois do aforcamento, haberá de novo foliada.