sábado. 23.11.2024

As temperaturas en Xinzo de Limia caeron até -8ºC ás 05:00 horas deste martes, segundo os rexistros da Agencia Estatal de Meteorología (AEMET), que para mañá e o resto da semana prevé mínimas en lixeiro ascenso nun rango de entre -5º e -2º até o domingo, con tempo seco e ceos despexados. 

Continuará o frío neste última semana de xaneiro, informa tamén MeteoGalicia, que rexistrou a mínima -7ºC ás 02:00 horas desta pasada madrugada en Calvos de Randín. A Limia continuará, tamén mañá, en alerta amarela por baixas temperaturas e con risco polas xeadas. Segundo as estimacións de MeteoGalicia, as mínimas estarán mañá baixo cero en todos os concellos, con valores que irán desde os -2º (Vilar de Barrio) até os -6º en varias localidades.

"Galicia continuará con influencia anticiclónica e pouco vento, polo que nas comarcas do sur de Lugo e Ourense as temperaturas mínimas volverán quedar por baixo dos -4ºC", informa o servizo meteorolóxico galego. 

Despois do frío intenso destes días á primeira hora da mañá, tanto a AEMET como MeteoGalicia prevén un aumento das mínimas para o xoves, e temperaturas xa por riba dos 0º durante a fin de semana.

NOTICIAS A LIMIA | Frío intenso e xeadas polo menos até o xoves, din os servizos...