jueves. 21.11.2024

O primeiro obradoiro de memoria, como ferramenta contra o deterioro cognitivo en persoas maiores de 64 anos, celebrarase mañá xoves en Ganade. Unhas 25 veciñas e veciños están inscritas nesta actividade que organiza a Asociación de Alzhéimer de Ourense (Afaor) e a concellería de Servizos Sociais do Concello de Xinzo, en colaboración con La Caixa.


"A intención do goberno municipal é poder dar continuidade a estas actividades noutros locais sociais dos pobos de Xinzo de Limia que así o soliciten", di o comunicado do Concello publicado este mércores. "A prevención do deterioro cognitivo é clave para os nosos veciños de máis idade. Trátase de obradoiros nos que se exercitará a memoria e que mellorarán o seu día a día”, engade.


É a primeira vez que Afaor, unha asociación fundada en 1995, impartirá este tipo de obradoiros en Xinzo. A asociación ten experiencia en colaboracións deste tipo noutras cabeceiras de comarca de Ourense. No caso da Limia, o 20% da poboación ten máis de 65 anos de idade. Actividades como a que se propón axudan a traballar a memoria, a linguaxe, a atención e a orientación. 


Afaor leva anos desenvolvendo en Xinzo, en colaboración co Concello, iniciativas que melloran a calidade de vida das persoas de máis idade. "Antes de que irrompese a pandemia os esforzos centráronse en ofrecer asesoramento ás familias e aos coidadores das persoas con problemas cognitivos", lembra o comunicado. Agora, trátase dun labor de prevención coa participación dos propios maiores.


Desde principios de ano, os Servizos Sociais do Concello de Xinzo traballan na formación dos grupos por parroquias. Polo momento, van cumprindo prazos. A idea inicial era comezar cun grupo en Xinzo e polo menos outro no rural durante o primeiro trimestre do ano, para desenvolver sesións semanais.  

NOTICIAS A LIMIA | Ganade estrea mañá os obradoiros de memoria de Afaor